A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza incorporará 17 novos profesionais

A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza incorporará 17 novos profesionais
A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza incorporará 17 novos profesionais

En total as novas prazas son 6 médicos de familia, 2 pediatras, 6 enfermeiras, 2 fisioterapeutas e 1 traballadora social

Centros de Saúde e Puntos de Atención continuada da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza incorporarán, de forma paulatina, 17 novos profesionais. En total as novas prazas son 6 médicos de familia, 2 pediatras, 6 enfermeiras, 2 fisioterapeutas e 1 traballadora social.

Este incremento de persoal enmárcase dentro do Plan Galego de Atención Primaria que está a desenvolver a consellería de Sanidade e engádese aos 14 profesionais sanitarios incorporados  á primaria compostelá en menos de dous anos.

O 98,8% das accións a curto prazo comprometidas polo Sergas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 están xa finalizadas ou en marcha, e a execución alcanza o 100% nas actuacións das liñas estratéxicas orientadas á dotación de recursos humanos no primeiro nivel asistencial e ao reforzo da formación e docencia.

Amais, con respecto aos recursos humanos, estase a cumprir o compromiso de maior estabilidade, e tamén de melloras do persoal substituto, pois xa se incorporou o novo nomeamento eventual de continuidade acordado polo Sergas con diversas organizacións sindicais para mellorar as condicións destes profesionais.  O contrato garante un mínimo dun ano de vinculación estable (prorrogable ata tres anos) e equipara os dereitos deste persoal a nivel de descansos, permisos e complementos co persoal propietario ao que substitúen.

Amais incrementouse a oferta de prazas de MIR para Médicos de Familia (10 máis) e acadouse a acreditación para iniciar a formación en enfermería especializada.

Asemade, os facultativos de primaria xa poden solicitar, segundo protocolo, para o seus doentes a realización de probas diagnósticas que se fan no eido hospitalario. Esta accesibilidade abrangue a mamografía, ecografía de mama, TAC cranial, TAC lumbar, RMN de columna, de xeonllo, colonoscopia, endoscopia, densitometría, entre outras, . Tamén se levou a cabo un ambicioso programa de compra de tecnoloxía coa dotación, hai un mes , de 5 novos ecógrafos que se sumarse aos xa existentes e que veñen acompañados cun plan de  formación específica, e se precedeu á renovación das salas e aparatos de radioloxía.

Por outra banda continúan  a bo ritmo a construción de novos centros de saúde no Milladorio e A Estrada, así como o proxecto do novo centro de Saúde de Melide cun orzamento de máis de nove millóns de euros, ao que hai que engadir a remodelación do centro de Saúde de Conxo e o proxecto de construción do centro integral de Saúde de Lalín.

Comentarios
Lo más