Preto de 650.000 euros para a creación dunha senda peonil entre Ordes e o albergue de Poulo

Preto de 650.000 euros para a creación dunha senda peonil entre Ordes e o albergue de Poulo
Preto de 650.000 euros para a creación dunha senda peonil entre Ordes e o albergue de Poulo

O delegado territorial acompañado do alcalde de Ordes José Luis Martínez Sanjurjo, e varios concelleiros do seu goberno, visitou a zona na que está previsto que se leve a cabo esta actuación de 1,3 km que conectará co albergue de peregrinos de Poulo

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, varios concelleiros do seu goberno, e a asistencia técnica encargada da e elaboración do proxectos, anunciaron a inminente licitación do proxecto de construción do itinerario peonil na estrada AC-524, que comunicará a vila de Ordes coa contorna do albergue de peregrinos de Poulo, no municipio de Ordes, cun investimento autonómico de preto de 650.000 euros. O delegado territorial visitou esta mañá a zona na que está previsto que se leve a cabo esta actuación.

Trátase da execución dunha senda pola marxe dereita desta estrada da Xunta, que partindo do itinerario peonil xa existente na denominada Rolda Leste, que actualmente finaliza no punto quilométrico 0+500, e discorre polo núcleo de Ordes, continuar ata o p. q. 2+000, no lugar denominado A Costa.

Esta actuación do departamento de Infraestruturas e Mobilidade ten como finalidade mellorar a seguridade viaria na zona, separando o tráfico peonil do tráfico rodado, e fomentar a mobilidade peonil en detrimento do uso dos vehículos. Ademais, puntualizou Ovidio Rodeiro, “estas actuacións melloran a seguridade viaria e forman parte da estratexia xeral do Goberno galego de preparar o Xacobeo 2021 como o mellor da historia”.

O delegado territorial lembrou que a senda terá unha lonxitude total de case 1,3 Km, a zona de tránsito peonil constará dunha sección tipo de formigón coloreado de 2 metros separada da calzada cunha banda axardinada de 0,90 metros, salvo nalgún tramo no que non sexa posible por falta de espazo.

Tamén se prevé a execución dunha pasarela de 15 m sobre o río Cabrón. Este novo treito conectará co albergue de peregrinos e permitirá unir, ademais, outros focos de atracción tales como os centros educativos IES nº1 de Ordes e co colexio Alfonso Rodríguez Castelao, cos pavillóns polideportivos, locais comerciais e industriais, farmacias, etc.

Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade quere dar continuidade e conectividade entre a senda existente e o itinerario cuxo proxectado acaba de ser aprobado, o que derivará nun fomento da mobilidade alternativa e supoñerá alcanzar unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre estes núcleos, así como a mellora da seguridade viaria do treito.

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, agradeceu a celeridade coa que se tramitou esta petición formulada no verán de 2018 ante a Xunta de Galicia, en especial a atención e compromiso do Presidente, don Alberto Núñez Feijóo, e a pronta resolución por parte do gabinete que dirixe a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, dona Ethel Vázquez. En verbas do alcalde “agardase que a licitación poida finalizar en un período non superior a tres meses, e que as obras se poidan acometer na súa totalidade no verán do presente ano 2020”.

Comentarios