Unha viguesa denuncia que unha pediatra esixiulle que lle falara en castelán "porque yo no soy gallega"

Unha viguesa denuncia que unha pediatra esixiulle que lle falara en castelán "porque yo no soy gallega"
Unha viguesa denuncia que unha pediatra esixiulle que lle falara en castelán "porque yo no soy gallega"

Unha muller viguesa denuncia a través da Liña do Galego que unha pediatra de urxencias do Álvaro Cunqueiro lle pediu de moi malas maneiras tanto a ela como ao seu fillo que lle falasen en castelán, "porque ela non é galega"

Unha muller viguesa denunciou a través da Liña do Galego o maltrato recibido por ela e mais polo seu fillo o pasado día 10 de xaneiro, no servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro, cando unha pediatra lles esixiu "de moi malas maneiras" que se dirixisen a ela en castelán, "porque ela non é galega". "O neno tiña 39 e medio de febre e un posíbel cadro de apendicite", explica a muller, "mais a pediatra pedíalle constantemente que lle repetise onde sentía dor, xa que se expresaba na súa lingua habitual, que é o galego". Finalmente, a nai tivo que facer de tradutora e repetirlle á facultativa en castelán todo o que dicía o neno. A Mesa pola Normalización Lingüística exíxelle ao conselleiro Jesús Vázquez Almuíña que o servizo galego de saúde, do que é responsábel, respecte os dereitos linüísticos da cidadanía galega e mude todo o preciso para que nunca máis se produzan este tipo de situacións. A entidade de defensa da lingua presentou, tamén, queixas por esta mesma situación ante a Valedora do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Elsa Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, recórdalle por escrito ao conselleiro Vázquez Almuíña que o Estatuto de Autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego” e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns. Quintas solicítalle a Vázquez Almuíña que realice as oportunas pesquisas sobre o grao de incumprimento do emprego do galego nos documentos da Consellaría de Sanidade e do Sergas e o resto de ordenamento legal vixente en materia de normalización lingüística por parte do Sergas.

O pasado ano, 2018, a Liña do Galego tramitou 303 queixas, das que un 12% estaban relacionadas co Servizo Galego de Saúde. Desde a entidade de defensa da lingua saliéntase que "a administración autonómica con funcións e competencias para garantir estes dereitos non só abdica da súa responsabilidade, senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas en relación ao galego". "A Liña do Galego só recolle unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos son sistemáticas", lamenta Quintas. "Este dato é máis unha evidencia dos pasos atrás que o goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación ao impulso do uso do galego na administración e no respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía. Quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e respecta o galego, é precisamente quen máis a incumpre e vulnera", lamenta.

Tanto o Consello de Europa como o relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos das Nacións Unidas teñen recollido nos seus últimos informes que o goberno galego ten a obriga de solventar as dificultades da cidadanía galega para expresarse na súa lingua nun ámbito tan importante como é o da saúde.

Comentarios