Último día para desfrutar no Salón Teatro de ‘Memorias dun ser humano disperso’

Último día para desfrutar no Salón Teatro de ‘Memorias dun ser humano disperso’
Último día para desfrutar no Salón Teatro de ‘Memorias dun ser humano disperso’

O Salón Teatro de Santiago retomou a súa actividade pública tras a programación especial de Nadal con Producións Dispersas e o seu espectáculo Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0), do que é autor e intérprete Diego Freire 

Esta peza cómico-musical vive a súa última función este domingo as 18 horas, na sede do Centro Dramático Galego. José Campanari dirixe este monólogo, que a compañía define como “cabaré absurdo, protagonizado por un personaxe fóra de lugar e un pouco esquizofrénico, que desexa escapar dun mundo que non comprende e no que non é comprendido a un lugar lonxe e diferente onde por fin poderá ser feliz”. A busca deste suposto paraíso é o eixo arredor do que xira esta proposta, na que Freire ofrece múltiples facianas como o showman do cabaré, o clown triste, o bufón, o perdedor, o tolo e o soñador.

Trátase dunha nova versión do espectáculo co que Producións Dispersas botou a andar en 2010, baseando o seu traballo en tres piares: humor, pequeno formato e crítica social, desde unha perspectiva contemporánea. En busca da canción perdida, Falándolle ao espello, O bosque dos prodixios ou a devandita Tódalas marabillas do mundo son outras das propostas que levou a escena durante estes 10 anos de traxectoria.

As entradas para a función de Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0) están á venda na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.

Comentarios