Manifestación en Touro polos recortes no Centro de Saúde

Manifestación en Touro polos recortes no Centro de Saúde
Manifestación en Touro polos recortes no Centro de Saúde

O deterioro na atención primaria comezou anos atrás coa redución do servizo de pediatría a unha frecuencia de tan só dous días á semana

A plataforma veciñal en defensa do Centro de Saúde de Touro convoca unha concentración para o 5 de Febreiro ás 11:30 diante do centro médico da localidade.

O deterioro na atención primaria comezou anos atrás coa redución do servizo de pediatría a unha frecuencia de tan só dous días á semana. Esta situación agravouse nos últimos meses coa baixa da pediatra, a cal non foi cuberta debidamente polo SERGAS. Isto traduciuse en que os nenos e nenas tivesen que desprazarse a localidades como Arzúa ou Santiago para recibir a atención médica necesaria. Por poñer un exemplo, no mes de Xaneiro a pediatra só acudirá a Touro os días 21 e 30.

A isto sumouse a xubilación dun dos dous médicos de familia que hai no centro de saúde. Esta praza vacante foi cuberta con persoal interino, e ante a súa baixa o servizo sanitario foi atendido por tan só un facultativo. Isto provocou situacións de perigo como a que xurdiu cando o único médico dispoñible tivo que abandonar a consulta para atender un accidente, quedando o centro de saúde desatendido ante unha posible emerxencia. Os retrasos nas citas tamén son unha constante, chegando en ocasións ás dúas semanas dende que se pide a cita.

A plataforma denuncia un abandono por parte da Xunta de Galicia que choca de fronte coa súa propaganda de promoción do rural, xa que segundo afirman cada día é máis difícil vivir en concellos pequenos polo precariedade de servizos á que nos condena a propia administración.

Reclaman o restablecemento inmediato do servizo de pediatría e demandan que as baixas sexan cubertas no momento en que se producen e non con días de atraso.

Comentarios
Lo más