O Grupo Común da Esquerda reclama á Xunta un compromiso co benestar animal despois do Campionato do Raposo

O Grupo Común da Esquerda reclama á Xunta un compromiso co benestar animal despois do Campionato do Raposo
O Grupo Común da Esquerda reclama á Xunta un compromiso co benestar animal despois do Campionato do Raposo

Luca Chao anuncia a presentación dunha batería de iniciativas para que a Lei de Benestar Animal non quede noutro exercicio de publicidade e propaganda do PP

O Grupo Común da Esquerda reclamou este luns á Xunta un compromiso claro co benestar animal e anunciou a presentación dunha batería de iniciativas para que a Lei de Benestar Animal, que ten moitísimas carencias e colleitou no seu día a reprobación da totalidade dos colectivos animalistas, non quede noutro exercicio de publicidade e propaganda do PP. Así o expresou a voceira Luca Chao, quen destacou que “garantir unha relación respectuosa e de coidado con todos os seres vivos será unha das nosas liñas de traballo nos meses que temos por diante. Aquí e no Estado, coa estupenda oportunidade que supón ter a primeira dirección xeral de benestar animal da historia”.

Chao lamentou que “esta mesma fin de semana asistimos a un capítulo máis da barbarie da masacre de raposos. Un animal que desenvolve un papel crucial no Medio Natural e que os cazadores exterminan por pracer coa connivencia do goberno galego, que ignora totalmente a realidade do ecosistema, nin sabe cantos raposos hai, nin lle interesa”. Segundo expresou a voceira, estas prácticas son “totalmente incompatibles coa sociedade que queremos ser, xa que o consenso social é amplo”. Por outra banda, denunciou a existencia de “espectáculos lamentables como o protagonizado polos renos que trouxo o alcalde de Ourense á cabagalta de reis”. Estes exemplos evidencian que a Lei de Benestar Animal “non chega, pero é que ademais non se cumpre”. Ante esta situación, incidiu na importancia das propostas do Grupo Común da Esquerda nesta materia, que detallaron o deputado Marcos Cal e o presidente de Libera, Rubén Pérez Sueiras.

Marcos Cal defendeu a necesidade de crear un protocolo de actuación para os animais en caso de incendios, tendo en conta a incidencia que teñen os lumes forestais en Galicia e as consecuencias sobre a fauna que estes lumes tiveron recentemente en Australia. “Precisamos incorporar no plan forestal un protocolo para conservar os animais afectados polos incendios. En Galicia sufrimos o 70% dos incendios do Estado, e aínda que a Xunta decidiu que isto non era importante, polo benestar animal e pola situación de crise ambiental que vivimos, non nos podemos permitir continuar nesta situación”, salientou.

Ademais, o deputado debullou outra das propostas, a supresión dos campionatos de caza de raposos. “Mátanse decenas de raposos sen atender a ningún tipo de estudo científico. Esta práctica vai en contra do saber científico e agrava a crise ambiental ao estar rompendo equilibrios ecosistémicos”. Desta maneira, indicou que a Unión Europea recomenda a conservación de depredadores de pequenos roedores porque son portadores de enfermidades. “Hai que conservalos pola saúde das persoas e o cumprimento das directivas europeas”, sinalou. Ademais, referiuse á polémica por terse realizado este campionato nos concellos de Triacastela e Láncara, que sofren unha praga dun roedor e “non ten ningún sentido que se mate ao principal depredador do mesmo”. Ademais, reclamou que a Xunta explique a dimisión do xefe de servizo provincial de Patrimonio Natural despois de ser denegado o permiso para realizar esta actividade en Monforte e pasala aos citados concellos. O deputado criticou que “o PP segue coas políticas do ‘far west’, de ‘primeiro disparo e despois pregunto’, do chamanismo e de ningún rigor cientifico nas cuestións medioambientais. Xa non negan no seu discurso o cambio climático, pero seguen nunha actitude negacionista”.

Pola súa banda, Rubén Pérez Sueiras apuntou que outra das iniciativas do Grupo Común da Esquerda reclama que se garantan os espectáculos sen animais. “A Lei de Benestar Animal quedou coxa nnesta materia. Estamos nun baleiro legal que permite cousas como que o alcalde de Ourense saque seis renos a pasear pola cidade ou que en Pontevedra viramos camellos, dromedarios e cabalos. Fanse zoolóxicos de rúa en lugar de protexer a fauna silvestre. Evidencian que os animais son unha caricatura e un xoguete para os nenos en lugar de fomentar o respecto aos mesmos”, declarou.

Por último, explicou a necesidade de elaborar un rexistro de persoas maltratadoras. “Unha persoa que abandone ou rebente a paos un can pode ir ao día seguinte a comprar outro”, denunciou. Fronte a isto, a creación deste rexistro permitiría que as forzas de seguridade tiveran esta información, ou que as tendas e refuxios de animais puideran solicitar información para saber se unha persoa pode ter animais. “Procuramos que se cumpra a Lei, cousa que o PP non fai”, concluíu o presidente de Libera.

Comentarios
Lo más