Denuncian as condicións de seguridade do Parque Infantil de Galeras

Denuncian as condicións de seguridade do Parque Infantil de Galeras
Denuncian as condicións de seguridade do Parque Infantil de Galeras

Nos últimos anos, Galeras converteuse nun barrio familiar, onde cada día buscan instalarse máis parellas mozas con nenos

O Grupo Municipal Popular preguntará no vindeiro Pleno ordinario deste mes de xaneiro sobre se o Goberno de Sánchez Bugallo ten constancia das numerosas deficiencias de seguridade existentes no Parque Infantil de Galeras e que medidas pensa adoptar para mellorar as súas condicións, en especial no relativo á protección da canle fluvial e a adecuación da iluminación desta área.

Desde hai tempo, son moitas as queixas que están a chegar a través da veciñanza que fai uso desta zona verde da capital de Galicia, polo que os Populares consideran que se o Grupo de Goberno non coñecía esta circunstancia, agora deberían tomar nota para por en marcha as actuacións necesarias para subsanar ditas deficiencias, ademais de poñer un prazo para que se arranxen canto antes.

Cabe sinalar que este parque ten a 50 metros un colexio, cuxos nenos e nenas son os principais usuarios desta zona de lecer, e que todos os días deben cruzar unha ponte cunha varanda metálica pola que cabe ata un adulto, correndo risco de caer ao río.

O Grupo Municipal Popular destacou que se está a falar dun parque que en canto cae a noite queda sen apenas iluminación, co que durante meses a partir das 18:30 horas é case imposible estar alí cos pequenos porque apenas se lles pode ver.

Nos últimos anos, Galeras converteuse nun barrio familiar, onde cada día buscan instalarse máis parellas mozas con nenos. Un barrio tranquilo que está crecendo sen que o Concello se dea conta, ou polo menos iso parece vendo o estado de abandono no que se atopa.

Como indica o Grupo Municipal Popular, esta área dispón dunha instalación infantil sen protección a escasos metros dun río, onde é fácil que un neno se escape cara a canle fluvial, dada a estrutura desta área, con montículos que impiden a visión total da mesma.

Comentarios
Lo más