O solar de Peleteiro comeza o seu desbloqueo

O solar de Peleteiro comeza o seu desbloqueo
O solar de Peleteiro comeza o seu desbloqueo

Foi, segundo precisou o rexedor, unha primeira toma de contacto, non oficial, xa que é necesario levar ao pleno do vindeiro día 30 o nomeamento das persoas propostas polos grupos municipais para que formen parte da Comisión

A devandita comisión estará integrada por dous representantes de cada grupo con representación municipal e presidida polo alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.

O Pazo de Raxoi acolleu onte a primeira reunión para a constitución da Comisión Municipal do Peleteiro, na que participaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; Alejandro Sánchez-Brunete e Ramón Quiroga polo PP; Martiño Noriega e Jorge Duarte por Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín polo BNG.

Foi, segundo precisou o rexedor, unha primeira toma de contacto, non oficial, xa que é necesario levar ao pleno do vindeiro día 30 o nomeamento das persoas propostas polos grupos municipais para que formen parte da Comisión. Antes do luns, segundo especificou o alcalde, "presentarán por escrito esa proposta". A Comisión estará integrada por dous representantes de cada un dos grupos, e presidida polo alcalde.

Na xuntanza tratouse o asunto da composición e as secretarías da comisión, co obxectivo de constituíla na primeira semana de febreiro. Tamén se abordou se se convida ou non a participar nas reunións da comisión a representantes de sectores sociais. O alcalde sinalou que "o meu criterio é que poidan participar activamente as mesmas entidades e asociacións coas que se estivo traballando no período anterior, máis a nova asociación de comerciantes constituída nos últimos meses". Ademais, engadiu, "informeinos, pola miña parte, das xestións desenvolvidas e as conclusións preliminares que se van acadando". En concreto, o alcalde citou a importancia do "elemento residencial para o mantemento da operación".

Unhas conclusións nas que segundo o rexedor, "coinciden tanto o equipo que realiza o estudo encargado polo Concello, como a propiedade", na que hai un cambio, porque, aclarou "a Sareb ten encomendada a súa xestión a unha sociedade conxunta constituída pola mesma Sareb e un fondo americano, nun 75 e nun 25%".

Esta nova sociedade mantén, engadiu, "o acordo alcanzado co goberno anterior". A partir de aí, sinalou Sánchez Bugallo, "suscitamos catro cuestións". A primeira, a necesidade de que exista un aparcamento público. O previsto no acordo é de 400 prazas, pero precisaríase, segundo afirmou o alcalde, un parquing en rotación, polo que pediron un aumento de prazas, algo co que, adiantou, a propiedade se amosa conforme.

A segunda cuestión abordada é que as vivendas protexidas "poidan ser de protección de oficial en rexime de aluguer con prezo taxado". A terceira, continuou o rexedor, que dentro do uso comercial, "unha parte, a máis importante posible, se destine á organización de ofertas distintas ás que existen no Ensanche". Segundo explicou o alcalde, a propiedade estudiará o encaixe destas dúas últimas propostas. Igual que a cuarta: a posiblidade de integrar o edificio que fai esquina dentro do conxunto da operación, condicionada a un acordo cos propietarios deste inmoble. Isto permitiría, subliñou, "reformular desde o punto de vista arquitectónico bastantes aspectos da operación e melloralos sensiblemente".

Toda esta información, afirmou, trasladóuselle ao resto de grupos municipais na reunión de onte. Unha información que, sinalou Sánchez Bugallo, xa recibiron as asociacións de comerciantes e as entidades veciñais. O único cambio, aclarou, é que agora xa está constrastada coa propiedade, "quen nos ten manifestado a súa dispoñibilidade neste sentido". Sánchez Bugallo engadiu que o criterio é que a comisión que se constitúa "non se reúna unha vez ao mes, se non que traballe á feito. É dicir, unha vez que teña a primeira reunión, programe as reunións seguintes para levar a proposta a pleno o antes posible". 

Comentarios