Os populares presentaron as súas propostas iniciais para os orzamentos

Os populares presentaron as súas propostas iniciais para os orzamentos
Os populares presentaron as súas propostas iniciais para os orzamentos

As accións principais van dirixidas á mellora da mobilidade, dos equipamentos e da calidade ambiental no contorno urbano, medidas de carácter social, de promoción económica e do rural

O Grupo Municipal Popular presentoulle onte ao Goberno local, nunha reunión mantida entre o portavoz Alejandro Sánchez Brunete e o concelleiro Ramón Quiroga coa concelleira de Facenda, as súas propostas “iniciais” cunha serie de prioridades “co ánimo de facer achegas que contribúan a mellorar a asignación dos recursos municipais para o vindeiro ano 2020”. Sinalan os populares que esta primeira contribución está condicionada pola falta de concreción na maioría das partidas recollidas no borrador orzamentario trasladado polo Goberno local, polo que adiantan que se podería producir unha posible modificación desta achega en función dunha información máis detallada que se debe producir.

Mobilidade e equipamentos 

As principais medidas propostas para incluír no documento orzamentario van dirixidas a mellorar a mobilidade, a calidade ambiental e os equipamentos públicos no contorno urbano, entre elas: O incremento do crédito e ampliación das posibilidades de acceso ás axudas para mobilidade, denominadas Bono-taxi, destinadas a persoas con problemas de mobilidade e tamén para as persoas maiores residentes no medio rural; a aplicación progresiva da gratuidade no transporte urbano para a infancia e a mocidade menor de 21 anos, en paralelo coa medida adoptada pola Xunta de Galicia para o transporte interurbano; o incremento das marquesiñas no rural. 

Tamén se recolle a necesidade de acometer un anteproxecto para un aparcamento subterráneo en Belvís e a actualización do Anteproxecto do aparcamento subterráneo na Avenida da Coruña do Campus Sur, sen menoscabo de poder seguir avanzando no estudo da xestión pública dalgúns aparcamentos concesionados; unha actuación branda para a creación dunha superficie de aparcamento nas Fontiñas, na parcela situada á beira da Ludoteca, mentres aquel terreo non se destine a outro uso (a semellanza da actuación realizada nos terreos da Avenida de Ferrol, no barrio de Conxo); un proxecto para a reurbanización da rúa Santiago de Chile; a habilitación dun parque infantil ou multiuso no barrio de Santa Marta; axudas para a eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade en edificios comunitarios, incluíndo a instalación de ascensores; e medidas para o fomento do alugueiro de vivenda, coa incorporación dunha liña de garantía para o cobro e reparacións dos inmobles destinada a arrendadores.

MEDIDAS CONTRA O RUÍDO NOCTURNO E CALIDADE AMBIENTAL

En relación mellora ambiental, proponse a redacción dun estudo sonométrico de posibles zonas acusticamente saturadas (ZAS) polo ocio nocturno; a liña de axudas para a insonorización de vivendas en zonas acusticamente saturadas (ZAS) ou a contratación dun estudo para ordenanza que contemple a bonificación do IBI en vivendas situadas en zonas acusticamente saturadas.

Estas medidas de protección ambiental, especificamente contra o ruído, compleméntanse coa posta en marcha dun Plan Director para a Alameda.

MEDIDAS SOCIAIS, DE PROMOCIÓN ECONÓMICA E APOIO AO RURAL

Outras medidas apuntadas polo Grupo Popular destacan polo seu  marcado carácter social, entre elas, a destinada a fomento da natalidade, cunha axuda económica por nacemento de crianzas, complementando a “tarxeta benvida” da Xunta de Galicia; a posibilidade de financiar un servizo básico para a manutención de persoas maiores e dependentes no termo municipal; ou a adecuación progresiva dos vestiarios deportivos (para equipos e árbitros) das instalacións municipais, para adaptalas ás crecentes demandas do deporte feminino.

Entre as accións dirixidas ao apoio ao comercio e ao emprendemento, o Grupo Popular propón, entre outras, incorporar unha importante liña de axudas para minorar os custos de aparcamento para clientes do pequeno comercio e residentes e o incremento das axudas que se viñan destinando ao emprendemento empresarial “Santiago Investors Support”.

Por último, recóllese a necesidade de incorporar as cantidades acordadas na negociación para un Pacto polo Rural, destinadas ao equilibrio de equipamentos e servizos nese ámbito

Comentarios