Ames impulsa unha campaña informativa sobre a escola unitaria de Covas

Ames impulsa unha campaña informativa sobre a escola unitaria de Covas
Ames impulsa unha campaña informativa sobre a escola unitaria de Covas

O obxectivo é dar a coñecer a existencia desta escola infantil con alumnado de 3 a 6 anos que, por primeira vez, ofrecerá no curso 2020/2021 os servizos municipais de conciliación da vida laboral e familiar como son o Bos Días Cole e o servizo de comedores escolares

A ANPA e a Asociación de Veciños da parroquia de Covas organizan, coa colaboración do Concello de Ames, unha campaña informativa sobre a escola unitaria de Covas. O obxectivo é dar a coñecer a existencia desta escola infantil con alumnado de 3 a 6 anos que, por primeira vez, ofrecerá no curso 2020/2021 os servizos municipais de conciliación da vida laboral e familiar como son o Bos Días Cole e o servizo de comedores escolares. 

O concelleiro de Educación, David Santomil, reuniuse coa ANPA da EEI de Covas e cos representantes da Asociación de Veciños para anunciar o impulso dunha campaña informativa, que ten o seu inicio no mes de xaneiro e alongarase ata o mes de marzo,  no que as familias realizarán previsiblemente a selección do centro escolar para o vindeiro curso 2020/21.

Desta maneira, representantes da ANPA da Escola de Educación Infantil de Covas, asociacións de veciños da parroquia e o Concello de Ames distribuirán a partir desta semana uns folletos informativos nas escolas infantís de 0 a 3 anos, así como entre a veciñanza máis nova da parroquia. A intención é atraer novo alumnado en segundo ciclo de ensino infantil e garantir a continuidade desta escola situada nas proximidades do núcleo urbano de Bertamiráns. 

Tratase dunha iniciativa que xa está a desenvolver con éxito neste curso na escola unitaria de Tarroeira en Ortoño, e que incrementou considerablemente o número de alumnos matriculados. 

O concelleiro de Educación, David Santomil, declara que “para o Concello de Ames considérase fundamental a implantación dos programas de conciliación municipais nas escolas unitarias para facilitar a chegada de novo alumnado e garantir a súa continuidade, tendo en conta as necesidades das familias para compatibilizar a súa xornada laboral co horario lectivo”. Tamén engade que “a través dos programas Bos Días Cole e comedores escolares flexibilizarase a xornada entre as 7:30h. e as 16:30h, sempre que exista un mínimo de familias interesadas en facer uso deste servizo municipal”. Esta iniciativa foi proposta, á súa vez, no Consello Escolar Municipal celebrado o 27 de novembro de 2019.

Comentarios
Lo más