Novas denuncias da presenza de "pacientes graves" agardando nos corredores de Urxencias do CHUS

Novas denuncias da presenza de "pacientes graves" agardando nos corredores de Urxencias do CHUS
Novas denuncias da presenza de "pacientes graves" agardando nos corredores de Urxencias do CHUS

A xerencia quita ferro ás críticas e nega os colapsos: "A atención de calidade está garantida".

O sindicato médico O'Mega denunciou este venres a presenza de "pacientes graves" en corredores do servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago en espera de "ser vistos", unha situación de "colapso" que a xerencia negou.

Segundo denunciou esta central sindical, en concreto na tarde deste venres había "13 pacientes graves" esperando no corredor a ser vistos e "30 con ingreso asinado" que "ocupan espazo de traballo".

Por iso, a representante de O'Mega Fátima Nercellas lamentou que o Sergas, coa "súa pésima xestión", teñan as Urxencias deste centro "permanentemente cheas" e sexa "usado como un sitio de almacenaxe de pacientes". 

Fronte a iso, fontes da xerencia negaron a situación de "colapso" nas Urxencias e explicaron que a afluencia de pacientes "está a ser a habitual nunha situación de epidemia de gripe", precisando que se trata, sobre todo, de "persoas maiores pluripatolóxicas, cuxa enfermidade crónica se descompensou".

Dado que "a porcentaxe de ingresos desde urxencias está a ser superior á media habitual", a xerencia ten activado o Plan de Continxencia para a tempada de gripe, desde finais do ano pasado, e habilitou espazos a maiores para atender a demanda.

Ata agora, precisaron, son 78 as camas habilitadas a maiores, coa "consecuente dotación de persoal". Nesta liña, fontes da xerencia explicaron que se contratou, ata agora, a 82 traballadores para atender o incremento da demanda de atención urxente pola gripe e as patoloxías respiratorias.

En todo caso, a xerencia sanitaria de Santiago subliña que a atención "de calidade" en Urxencias "está garantida". "Os pacientes están a ser clasificados e atendidos no tempo adecuado, seguindo as recomendacións de avaliación médica das sociedades científicas de urxencias", apuntan. 

Comentarios