A Xunta anuncia a creación de máis de 80 prazas residenciais para acoller a persoas sen fogar

A Xunta anuncia a creación de máis de 80 prazas residenciais para acoller a persoas sen fogar
A Xunta anuncia a creación de máis de 80 prazas residenciais para acoller a persoas sen fogar

A conselleira de Política Social, Fabiola García, indicou que a Xunta creará máis de 80 prazas residenciais en Galicia que porá a diposición de entidades sociais para permitir a acollida de persoas sen fogar.

Durante unha visita realizada este venres á sede de Emaús Fundación Social en Vigo, a conselleira detallou que, mediante esta iniciativa, enmarcada no Plan de atención a persoas sen fogar en Galicia, a Xunta comezou a licitar prazas residenciais "para que as entidades sociais presten o mellor servizo" a colectivos en exclusión social.

Neste sentido, a titular de Política Social lembrou a recente apertura de prazas realizada na Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos da Coruña e apuntou que o Goberno galego financia 17 prazas no albergue de Dignidade Galicia de Vigo. Así, puxo en valor o traballo levado a cabo polo Executivo co obxectivo de que "cada día mais persoas poidan ter unha vivenda estable".

Adicionalmente, Fabiola García sinalou a aprobación da adición de dous novos tramos á Renda de inclusión social de Galicia (Risga), correspondentes á inserción e a transición ao emprego. Ademais, recalcou que a contía media desta axuda incrementouse en 100 euros e que o obxectivo desta prestación é apoiar a persoas en exclusión para que se formen e accedan ao mercado laboral.

Comentarios