​Os Populares pedirán no Pleno un aparcamento express nos Xulgados

​Os Populares pedirán no Pleno un aparcamento express nos Xulgados
​Os Populares pedirán no Pleno un aparcamento express nos Xulgados

O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno ordinario un rogo para a creación de prazas de aparcamento express na contorna dos Xulgados das Fontiñas que faciliten as xestión á veciñanza.

Para os Populares, o Goberno de Sánchez Bugallo, en coordinación co Decanato do Xulgado e os Colexios de Avogados e Procuradores, debe habilitar algunhas prazas de aparcamento rápido, no número e co prazo de estancia que se consideren posibles e necesarios, co fin de facilitar a realización de trámites pola cidadanía nestas instalacións xudiciais.

Os Xulgados de Santiago radicados na zona das Fontiñas xeran a diario unha intensa actividade que fai que moitas persoas teñan que acudir ás súas instalacións para realizar diferentes trámites, moitos deles susceptibles de ser solucionados en pouco minutos, como pode ser acudir ao Rexistro Civil a buscar un certificado, recoller notificacións, realizar presentacións apud acta, entre outras acción.

A escaseza de prazas de aparcamento nos arredores deste organismo fai que moitas das persoas que se trasladan no seu vehículo empreguen máis tempo en aparcar, que nos propios asuntos xudiciais que tratan de arranxar, o que fai que na maioría das veces ante a desesperación de non poder chegar a tempo, se estacione en dobre fila, ou nas prazas reservadas para os avogados de Turno de Oficio ou incluso sobre a beirarrúa.

Na rúa Viena, onde se atopa o Edificio principal dos Xulgados de Santiago, existen varias prazas reservadas para o persoal directamente vinculado coa actividade xudicial, pero ningunha praza concibida para un uso puntual e temporalmente limitado que lle facilite o acceso ao conxunto da cidadanía, unha circunstancia que suscita a queixa diaria tanto por parte dos profesionais como do público usuario das ditas instalacións.

Por todo isto, os Populares consideran que para remediar esta carencia, sería de grande utilidade habilitar un número de prazas que se consideren suficientes para un uso limitado no tempo, tal e como se ten feito no Ensanche coas prazas express para facilitar o acceso de compradores en beneficio do pequeno comercio. 

Comentarios