O goberno municipal inicia as conversas para a aprobación do Orzamento Municipal 2020

O goberno municipal inicia as conversas para a aprobación do Orzamento Municipal 2020
O goberno municipal inicia as conversas para a aprobación do Orzamento Municipal 2020

O pasado venres, 10 de xaneiro, desde a Concellería de Economía e Facenda enviouse o borrador do anteproxecto de Orzamentos 2020 do Concello de Ames ao representante de Ames Novo e membro integrante do grupo mixto, ao representante de Ciudadanos e tamén membro integrante do grupo mixto, e ao grupo municipal do Partido Popular e marcouse un prazo de 10 días para que se fixeran as propostas ou achegas por parte dos diferentes grupos.



Xunto coa documentación do borrador tamén se lle deu traslado da convocatoria de xuntanzas aos representantes das tres formacións políticas, Ames Novo, Ciudadanos e Partido Popular, que se desenvolveron o luns 13 de xaneiro e mailo martes 14 xaneiro.


A estas xuntanzas asistiron os voceiros/as das tres formacións políticas que conforman o goberno de Ames (PSdeG, BNG e Contigo Podemos), que actuaron en nome do goberno municipal e os representantes de Ames Novo e Ciudadanos, así como o voceiro do Partido Popular acompañado de dúas concelleiras do mesmo grupo.

Nesta primeira toma de contacto, desde o goberno expuxéronse as grandes cifras do orzamento que superará os 27.000.000 euros e as grandes liñas polas que aposta este goberno municipal nestes orzamentos, salientando a ampliación e mellora de servizos e infraestruturas no rural, así como a implantación dun Plan de mantemento dos núcleos do rural.

Tamén se aposta polo reforzo e ampliación dos servizos sociais, a mellora dos servizos e infraestruturas ligadas á área de educación, a ampliación dos espazos deportivos, o reforzo do proceso e impulso dos investimentos ligados ao Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI).

O goberno segue a traballar no borrador de Orzamentos 2020, pois é unha necesidade e prioridade para o Concello de Ames poder consensuar uns orzamentos para este exercicio e poder telos aprobados nas vindeiras semanas.


Comentarios