Compostela Aberta quere saber sobre a licitación do servizo de recollida do lixo

Compostela Aberta quere saber sobre a licitación do servizo de recollida do lixo
Compostela Aberta quere saber sobre a licitación do servizo de recollida do lixo

Compostela Aberta preguntará no Pleno desta semana pola tramitación dese concurso, “para o que quedaran listos os pregos técnicos no pasado mandato”

Compostela Aberta preguntará no Pleno desta semana polas previsións do Goberno municipal para a nova licitación do servizo de recollida de resíduos sólidos urbanos e limpeza viaria. O contrato vixente remata en abril, e non hai máis posibilidades de prórroga, e no pasado mandato quedaran redactados os pregos técnicos para o concurso.

Compostela Aberta quere que o Goberno explique cales son as súas previsións para convocar o novo concurso, tendo en conta que a concelleira responsable, Milagros Castro, se comprometeu a que Santiago tería unha nova licitación e un servizo de recollida do lixo e limpeza viaria mellorado en maio de 2020 (El Correo Gallego, 21-07-2019).O grupo municipal lembra, ao respecto, que o prego técnico e o estudo económico para a nova licitación foron elaborados durante o pasado mandato, e fóronlle entregados ao novo Goberno do PSOE en xuño de 2019 durante o traspaso de poderes. 

Ademais, quedara lanzado un proceso de consulta preliminar ao mercado para introducir posibles melloras nos pregos, cun cuestionario elaborando seguindo as pautas da xefatura do servizo municipal de contratación, e do que se descoñecen os resultados. Para a nova licitación só quedaría pendente, polo tanto, a elaboración do prego administrativo.

O contrato de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria foi adxudicado en decembro de 2004 a Urbaser, e tres anos despois ampliouse o contrato para incorporar a xestión dos puntos limpos do Tambre e de Piñor, así como a ampliación do baldeo e rego de rúas e beirarrúas. Nesa ampliación fixouse que a duración da concesión sería de dez anos, prorrogables por un máximo de cinco, prazo que remata no próximo mes de abril.

LIMPEZA DE PLÁSTICOS EN FONTIÑAS

Relacionado coa recollida do lixo, CA tamén levará ao Pleno un rogo para pedir que se reforcen os servizos e turnos para retirar os moitos plásticos acumulados e tirados pola rúa en Fontiñas. Nas últimas semanas, o grupo municipal recibiu moitas queixas de persoas veciñas do barrio ao respecto da recollida do lixo, persoas que poñen o acento nos moitos plásticos tirados.

Comentarios