Arquivan a peza da Operación Pokemon sobre unha suposta financiación ilegal do PSOE de Santiago

Arquivan a peza da Operación Pokemon sobre unha suposta financiación ilegal do PSOE de Santiago
Arquivan a peza da Operación Pokemon sobre unha suposta financiación ilegal do PSOE de Santiago

Esta decisión por parte da xuíza instrutora do caso ven dado polo informe da Fiscalía, por entender que os delitos prescribiron

O Xulgado de Instrución nº3 de Santiago de Compostela, do que é titular Evangelina Belso, vén de ditar o sobresemento da causa que investigaba o suposto financiamento irregular do PSOE de Santiago de Compostela nas eleccións de 2007 e 2011 no que estaba imputado o concelleiro e un dos nomes máis fortes do partido a nivel local, Bernardino Rama.

Esta decisión por parte da xuíza instrutora do caso ven dado polo informe da Fiscalía, por entender que os delitos prescribiron "e por estar paralizada a causa durante máis de cinco anos", período no que Pilar De Lara retivo a instrución en Lugo pero sen practicar unha soa dilixencia.

Os feitos investigados nesta primeira peza da Pokemon referiríanse a "a emisión de facturas ficticias pola empresa Imprenta Ibérica a nome, entre outras, da empresa Aquagest; facturas nas que figurarían como conceptos uns traballos non realizados e que, en realidade, con elas pretenderíase encubrir traballos de imprenta efectuados para o PSOE de Santiago de Compostela con motivo das campañas electorais dos anos 2007 e 2011", segundo recolle o escrito da fiscalía. "Ditas facturas serían abonadas, entre outras, pola empresa Aquagest, a propósito de que co pago das mesmas estábase contribuíndo a financiar a campaña electoral dese partido político".

Co Código penal vixente no momento dos feitos os delitos xa estarían prescritos polo que non poderían ser perseguibles xudicialmente, en referencia ás facturas do 2007. Sobre as de 2011, o prazo de prescrición ampliaríase ata os cinco anos, en virtude da reforma do Código penal de 2015 pero a investigación caducou pola inacción de Pilar de Lara.

Desde que en maio de 2014 dito a súa inhibición nesta peza ata que a remitiu de maneira efectiva aos xulgados de Compostela en abril de 2018 transcorreron catro anos nos que "non acordou nin practicou dilixencia de investigación algunha de auténtico contido material ou substancial que implicase unha efectiva prosecución do procedemento", afirma o escrito da fiscalía.

Comentarios