A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia a lista de espera de máis de un ano para pacientes con risco de cancro

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia a lista de espera de máis de un ano para pacientes con risco de cancro
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia a lista de espera de máis de un ano para pacientes con risco de cancro

Segundo a asociación unha doente viuse obrigada a poñer unha queixa ante a Valedora do Pobo para conseguir que se atendese a súa necesidade de atención por estar en risco de desenvolver un cancro de colo de útero

Nova denuncia por parte da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e críticas polos datos dados polo SERGAS nuha suposta mellora das listas de espera para intervención cirúrxicas. Segundo a asociación unha doente viuse obrigada a poñer unha queixa ante a Valedora do Pobo para conseguir que se atendese a súa necesidade de atención por estar en risco de desenvolver un cancro de colo de útero.

L.S.F. recibiu en setembro de 2019 unha chamada do seu centro de saúde na que lle comunicaban que estaba infectada co virus do papiloma humano e que nun prazo de 15 días recibiría unha chamada desde o CHUS para fixarlle unha consulta e valorar a posible afectación. "Esta chamada non se produciu, nin sequera despois de presentar unha queixa ante Atención ao Paciente", aseguran dende a Asociación de Pacientes e Usuarios dos CHUS.

Grazas a súa médica de familia a paciente consegue que a citen para finais de novembro e o 17 de decembro acude novamente recoller os resultados dunha biopsia. Nesa consulta comunícanlle que debe someterse a unha citoloxía cada seis meses para controlar a persistencia do virus, o que se fixo constar para que se fixase a seguinte revisión, pero a data para a nova cita é o 13 de xaneiro de 2021.

"Mentres as autoridades sacan peito pretendendo negar a evidencia, no noso hospital non se dispón sequera dun protocolo de prevención do cancro de colo de útero nin se respectan as indicacións dadas polos especialistas en canto aos prazos que permiten vixiar os problemas cun mínimo de seguridade", afirman con rotundidade dende a asociación.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS considera "inadmisible" que se ignoren "os nosos dereitos, que se desoian as indicacións dos especialistas, que se nos negue unha atención digna, que teñamos que presentar unha queixa para reclamar o que nos corresponde, polo que solicitamos que se dispoñan os medios materiais e humanos necesarios para que L.S.F. e coma ela todas as posibles afectadas, reciban a atención precisa nos prazos razoables que marquen os doutores", rematan. 

REORGANIZACIÓN DO SERVIZO E CONSULTAS DE ALTA RESOLUCIÓN

Pola súa parte, dende a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela afirman que están traballando para poñer en marcha "consultas de alta resolución", que son consultas de acto único, a fin de optimizar o tempo de asistencia nesta patoloxía que ve incrementada a demanda nos últimos tempos. Asemade, se está reorganizando o servizo para poder reprogramar citas a fin de darlle resposta no tempo idóneo. 

Comentarios