A EMM presenta as súas actividades entre febreiro e xuño

A EMM presenta as súas actividades entre febreiro e xuño
A EMM presenta as súas actividades entre febreiro e xuño

O programa inclúe tamén a participación da Escola en diversos eventos. Exemplo disto é a Gala de Down Compostela, que se celebrará o 20 de marzo

A concelleira de Educación, Noa Díaz, presentou onte a programación da Escola Municipal de Música para o período comprendido entre os meses de febreiro e xuño. Acompañouno na rolda de prensa o director da Escola, Fernando Rey. Ambos deron conta dun calendario de actuacións que inclúe novos concertos didácticos e a participación en diversos actos.

Un dos eixes do programa da Escola volverán a ser os concertos didácticos. Por unha parte, organizaranse tres novas actuacións dirixidas a alumnado de Primaria dos centros educativos da cidade, que se aglutinan nun ciclo titulado "Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM". Estes contos musicados realizaranse os martes 3, 17 e 24 de marzo, ás 11:30 horas, no Auditorio da Escola Municipal de Música (Finca Vista Alegre, rúa das Salvadas, s/n).

Outro grupo de concertos didácticos son os dirixidos aos nenos e nenas de 0 a 3 anos das escolas infantís. Son sesións nas que se traballan aspectos coma o son, a altura das notas ou o ritmo. Ao mesmo tempo, os alumnos e alumnas teñen a oportunidade de escoitar en directo os instrumentos que os mestres e mestras levan ás escolas infantís.

O martes 21 de abril haberá sesións nas escolas infantís de Conxo, Meixonfrío-Salgueiriños, Fontiñas e Tambre, e o 28 de abril nas escolas de San Roque, Tras Parlamento e Castiñeiriño.

O calendario de concertos dirixidos aos máis pequenos e pequenas complétase coas actuacións na Aula Hospitalaria do CHUS. As sesións, arredor das 17:30 horas e coa participación de alumnado da EMM acompañado polo seu profesorado, serán os xoves 27 de febreiro, 26 de marzo, 23 de abril e 28 de maio.

XORNADA DE PORTAS ABERTAS E ANDAINA MUSICAL

O programa inclúe tamén a participación da Escola en diversos eventos. Exemplo disto é a Gala de Down Compostela, que se celebrará o 20 de marzo. Xa no mes de abril, os días 18 e 19, a EMM estará en Ferrol na VII Mostra Musical do Eixo Atlántico, representada neste caso pola percusionista Iria Pérez. Este encontro reúne cada dous anos a preto de 300 alumnos das escolas municipais de música e conservatorios das cidades do Eixo durante unha fin de semana chea de música clásica e jazz.

Tamén en abril, o sábado 25, a Escola celebrará unha nova xornada de portas abertas ás portas do proceso de matrícula para o curso 2020-2021. Este evento serve para dar a coñecer o funcionamento da EMM e remata cun concerto didáctico para as familias asistentes.

O mes musical pecharase o domingo 26 cunha proposta singular, unha andaina musical na que se combinará a camiñada con actuacións musicais en forma de pequenos concertos en diferentes momentos do percorrido a cargo de diferentes agrupacións da EMM.

PECHE DO CURSO

A Escola será tamén a protagonista da clausura da Campaña de Animación á Lectura, o sábado 9 de maio, na praza de Cervantes. Días despois, o 12 e o 13 de maio, o Teatro Principal acollerá o tradicional Festival de Música e Movemento, no que o alumnado de 3 a 7 anos dá a coñecer o traballo realizado durante o curso acompañado do profesorado e das familias. A temática do festival deste curso xira arredor do coidado do noso medio, dos recursos e da natureza así como da riqueza extraordinaria que nos aporta para a vida.

O calendario de concertos da EMM pecharase co Festival de Fin de Curso, o 19 de xuño no Auditorio de Galicia. A actuación congregará no escenario case 200 músicos das diferentes agrupacións: a Orquestra, a Orquestriña de Iniciación e máis o Combo de Música Moderna, a Banda, a Bandiña de Iniciación e o Conxunto de Música Tradicional. A estas sumaranse o Coro de Adultos da Escola e os Coros Xuvenil e Infantil. 

Comentarios