Ramiro Carregal e a FIDIS acordan convocar o II Premio de Investigación en Cardioloxía

Ramiro Carregal e a FIDIS acordan convocar o II Premio de Investigación en Cardioloxía
Ramiro Carregal e a FIDIS acordan convocar o II Premio de Investigación en Cardioloxía


O presidente de Frinsa, Ramiro Carregal, asinou onte coa xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, y co Dr. González-Juanatey o acuerdo de patrocinio que permitirá convocar a segunda edición do premio


O Hospital Clínico de Santiago acolleu onte a firma dun acordo que dá continuidade ao Premio Internacional de Investigación en Cardioloxía Ramiro Carregal. O empresario e mecenas galego selou un novo patrocinio coa Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) presidida por Eloína Núñez, xerente da área sanitaria compostelá á que pertence o Grupo de Investigación en Cardioloxía que encabeza o Dr. José Ramón González-Juanatey, tamén presente na firma. Xunto con eles estivo tamén Isabel Lista García, directora da FIDIS.

Deste xeito Ramiro Carregal cumpre o seu desexo de dar continuidade a este galardón cuxa primeira edición permitiu contribuír a unha investigación de gran relevancia para a poboación. O proxecto premiado trata de coñecer o impacto da amiloidose cardíaca en pacientes con estenose aórtica, unha patoloxía ligada ao envellecemento que supón un grave problema de saúde, e cuxa investigación se está levando a cabo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago a cargo dun equipo liderado polo Dr. Diego López Otero. 

Con esta segunda convocatoria, dotada de novo con 20.000 euros, quérese afondar na investigación das enfermidades valvulares cardíacas, un dos grandes problemas sanitarios da nosa sociedade, como lembrou o Dr. José Ramón González Juanatey, quen agradeceu ao empresario “máis que a súa xenerosidade, o seu compromiso na promoción do coñecemento e da investigación, neste caso das enfermidades do corazón, un tema prevalente e prioritario, sobre todo no referente ás válvulas do corazón”. O envellecemento da poboación é unha realidade polo que o xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS subliñou a necesidade de investigar sobre as causas, a prevención, o diagnóstico e o tratamento das patoloxías que afectan a estes pacientes co fin de poder abordalas mellor. 

Pola súa banda a presidenta de Fidis, Eloína Núñez, agradeceu ao empresario o seu “apoio á sanidade pública compostelá” e lembrou que grazas ao seu apoio púidose poner en marcha a Unidade de Rehabilitación Cardíaca no hospital do Barbanza e incrementar a capacidade da unidade de Rehabilitación Cardíaca do Clínico de Santiago. A xerente da área sanitaria asegurou que Ramiro Carregal constitúe “un exemplo de empresario líder no seu sector e líder na súa implicación no tecido social da súa comunidade”.

MECENADO

O empresario Ramiro Carregal mostrouse feliz ao pór en marcha esta segunda convocatoria do premio “que tivo un gran éxito de convocatoria na primeira edición, o que demostra a necesidade de apoio que ten a investigación”. O presidente de Frinsa subliñou que o seu maior desexo é poder “axudar en todo o posible aos meus, e a sanidade é un dos ámbitos onde máis e mellor podemos axudar a toda a sociedade”. Por iso puxo en marcha este premio de cardioloxía “con vocación de continuidade, do mesmo xeito que o Premio de Investigación Oncolóxica que pronto cumprirá unha década”. 

“É un grao de area que serve para apoiar o magnífico traballo que están a desenvolver os nosos investigadores e médicos, pero tamén para alentar o mecenado e a solidariedade de todos nun ámbito tan importante como é a sanidade”, concluíu o mecenas arousán.

Comentarios