O Pleno aproba un crédito extraordinario de 800.000 para as obras da rúa de Concheiros

O Pleno aproba un crédito extraordinario de 800.000 para as obras da rúa de Concheiros
O Pleno aproba un crédito extraordinario de 800.000 para as obras da rúa de Concheiros

. A partida está destinada a atender o compromiso asumido polo Concello para a execución, no marco da mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago, das obras na rúa dos Concheiros

O Pleno municipal, na sesión ordinaria de xaneiro celebrada este xoves, aprobou a modificación de crédito pola que se habilita un crédito extraordinario de 800.000 euros, destinado a atender os compromisos de execución da obra da rúa dos Concheiros. A Corporación tamén deu o visto bo á adhesión do Concello ás asociacións de concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia e de Fisterra e Muxía.

Este crédito extraordinario será financiado con baixas por anulación. A partida está destinada a atender o compromiso asumido polo Concello para a execución, no marco da mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago, das obras na rúa dos Concheiros.

A modificación recibiu o voto favorable do PSdeG-PSOE e PP, e a abstención de Compostela Aberta e BNG.

ADHESIÓN A ASOCIACIÓNS DE CONCELLOS DO CAMIÑO 

A Corporación aprobou por unanimidade a adhesión do concello de Santiago como socio fundador á Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia e á Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía. O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte, será o representante municipal en ambas as dúas entidades, cuxos estatutos tamén foron referendados polos catro grupos municipais.

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia está integrada inicialmente polos concellos de Santiago, Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son e Rois. Naceu co obxectivo de delimitar este itinerario cultural a Compostela e que este itinerario sexa recoñecido primeiro como ruta histórica e, posteriormente, obteña a declaración oficial de Camiño de Santiago.

Propósitos similares ten a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, de máis recente constitución, que xunta a dez concellos para promover conxuntamente esta ruta. Inicialmente, integran a Asociación os municipios de Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía.

COLABORACIÓN ENTRE O CONCELLO E A USC

No capítulo de proposicións, a Corporación ratificou unha presentada por Compostela Aberta para "impulsar unha comisión de colaboración e seguimento entre o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago que, liderada polO alcalde e o reitor -e contando con representación de todos os grupos municipais da Corporación- aproveite ao máximo as sinerxias e potencie o traballo conxunto entre ambas institucións". Este labor conxunto, segundo o documento, abranguerá cuestións como a humanización do Campus, a transferencia de coñecemento, Uninova, o Xardín Botánico ou os equipamentos.

TARXETA CIDADÁ

Ademais, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional, derivada dunha proposición presentada polo BNG, para a posta en marcha dunha tarxeta cidadá para o pagamento de servizos e bonificacións de axudas municipais. Segundo se indica na proposta, esta tarxeta serviría para simplificar a xestión tanto para as persoas perceptoras como para o Concello, podendo empregarse, de xeito progresivo, en servizos coma o transporte público, ORA, centros socioculturais e instalacións deportivas, Escola Municipal de Música ou espectáculos culturais, e tamén como tarxeta moedeiro para a adquisición de material escolar, bolsas de comedor e bonotaxi. Recollendo unha emenda do PP, a tarxeta non se limitaría aos obrigados tributarios, senón ao conxunto dos empadroados en Santiago.

ESTACIONAMENTOS DAS PRAZAS DE GALICIA E DE VIGO

Outra das proposicións aprobadas foi a do grupo municipal popular instando ao Concello a que "proceda a cuantificar a indemnización que, en caso de rescate, lle correspondería aos concesionarios dos aparcadoiros públicos da praza de Galicia e da praza de Vigo, como paso previo a acreditar, se fose o caso, o interese público da operación e que a xestión pública sería máis sostible, eficiente e eficaz que a xestión directa". A proposta recibiu o voto favorable de PP, CA e BNG, e o voto negativo de PSdeG-PSOE.

PROTECCIÓN DO PEQUENO COMERCIO

Finalmente, ratificouse por unanimidade, unha vez incorporadas emendas do PSdeG-PSOE e BNG, unha proposición de Compostela Aberta para a protección do pequeno comercio na cidade vella de Santiago. Ínstase ao Concello a estudar unha moratoria na apertura de tendas de souvenirs no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, e tamén a iniciar unha ordenanza reguladora para a protección do comercio tradicional e de proximidade e de protección e conservación de establecementos emblemáticos. Tamén se aposta por impulsar un Plan de Dinamización do Comercio e por crear un Observatorio do Comercio neste ámbito. 

Comentarios