As escolas infantís municipais celebraron o Día Escolar pola Paz

As escolas infantís municipais celebraron o Día Escolar pola Paz
As escolas infantís municipais celebraron o Día Escolar pola Paz

Os contidos relacionados coa educación para a paz e a non violencia trabállanse nas escolas infantís durante todo o ano

Este 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia. As escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños quixeron sumarse a esta conmemoración desta xornada cunha serie de actividades, continuadoras do traballo que en torno a esta temática se realiza nestes centros ao longo do curso.

De xeito simultáneo, as tres escolas acolleron unha sesión de contos coas temáticas da paz e da convivencia, así como a creación dun mural conmemorativo. Ademais, na entrada de cada centro había unha pomba de cartón de gran tamaño, en cuxas plumas as familias puideron pegar os seus desexos de paz.

TRABALLO DURANTE O CURSO

Os contidos relacionados coa educación para a paz e a non violencia trabállanse nas escolas infantís durante todo o ano, pero cobra especial significación en determinadas datas, como a semana da infancia (terceira semana de novembro), a semana dos dereitos humanos (primeira semana de decembro), a semana dos xoguetes non sexistas nin bélicos (segunda semana de decembro) e a semana da paz (cuarta semana de xaneiro). Estes contidos son os protagonistas de actividades específicas adaptadas ás idades dos nenos e nenas, que contan coa implicación das familias en momentos específicos do curso.

En xaneiro, con motivo da celebración do Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, a educación para a paz é o eixe de diferentes actividades plásticas, musicais, psicomotrices, de animación lectora... Ademais, elaborouse nas escolas un libro que leva por título Coas mans construímos a paz, no que se recompilan accións de interese para compartir coas familias actitudes en prol dunha convivencia en paz e non violenta. Incluíronse temas como a interculturalidade, a autoestima, a tolerancia, o respecto, a gratitude, as apertas ou os xogos, entre outros.

DÍA ESCOLA POLA PAZ

Promovido por Unicef, o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia celébrase cada 30 de xaneiro co obxectivo de impulsar nos centros educativos unha cultura de non violencia e paz. A data conmemora o aniversario da morte de Mahatma Gandhi (30 de xaneiro de 1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas. 

Comentarios