O Pleno de Lousame aproba por unanimidade os Orzamentos para 2020

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade os Orzamentos para 2020
O Pleno de Lousame aproba por unanimidade os Orzamentos para 2020

Teresa Villaverde asegura que “é un orzamento garantista e poñéndonos sempre na peor das situacións” e anuncia a elaboración dunha Relación de Postos de Traballo 

O pleno de Lousame aprobou por unanimidade os Orzamentos Municipais para 2020, que ascenden a 3.818.575,43 euros, o que supón un 0,06% máis ca no exercicio anterior. Unhas contas que, por primeira vez nos últimos sete anos, foron aprobadas cos votos a favor de PP e PSOE, xa que o BNG xustificou a súa ausencia á sesión.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “é un orzamento garantista e realista, e poñéndonos sempre na peor das situacións”, que cumpre cos principios de estabilidade orzamentaria, coa regra de gasto e co límite de débeda. Unhas contas das que destacou os 882.000 euros de investimento en servizos sociais, o 23,1% do orzamento, así como os 340.000 euros para cultura, deporte e ensino.

Neste sentido, Villaverde pediu “que non se nos minoren as achegas para gasto corrente, pois son precisas para manter todos os servizos que temos, o que supón un gran esforzo: dependencia, axuda no fogar, punto de atención á infancia...”. Así mesmos, salientou que o capítulo de investimentos reais ascende a 940.187,59 euros, se ben puntualizou que “neste capítulo 6 só están incluídas aquelas inversións que tiñamos confirmadas en novembro, cando se comezaron a elaborar estes orzamentos”. De feito, indicou que a día de hoxe “poderían ir incluídas máis inversións que xa están concedidas, pero non están aínda contempladas”.

Finalmente, a alcaldesa referiuse tamén ás indicacións da Secretaría sobre persoal e a excesiva temporalidade do mesmo, que fan precisa a elaboración dunha Relación de Postos de Traballo (RPT). Villaverde Pais explicou que “xa tiven os primeiros contactos con empresas e agardamos recibir nas próximas semanas varios presupostos para facer a RPT. Con isto, sumado ao convenio laboral asinado a pasada lexislatura, se irán creando as prazas e cubríndoas con postos de funcionariado”. Un punto no que fixo fincapé na problemática que supón para os Concellos pequenos que o posto de Tesourería teña que ser cuberto por un habilitado nacional, polo gasto que supón. “Estamos estudando a posibilidade de compartir a persoa responsable de Tesourería con outros concellos”, adiantou Villaverde Pais.

Revisión de prezos e inversión

Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Julio Paradela, indicou que “a inversión é moi baixa, non sabemos o que pode vir” e criticou que “estamos abocando o concello ao turismo, cando debería ser algo máis que promoción turística. Botamos de menos outros investimentos”, sen especificar cales. Paradela Busto tamén cuestionou os 340.000 euros para cultura, deporte e ensino e lamentou que “estamos asumindo servizos que non nos corresponden, xerando un gasto ao concello”.

Neste sentido, fixo fincapé en que “sabemos que coa recollida do lixo había un acordo para a revisión de prezos e non se fixo, polo que hai un desfase entre os 161.000 euros que pagamos e os 116.000 euros que ingresamos”. Así, indicou que “os ingresos non suben, o ano pasado recadouse máis”.

Aposta polo turismo e non subir impostos

Na quenda de réplica, Teresa Villaverde respondeu a todas as criticas do voceiro municipal socialista. Sobre os investimentos, a alcaldesa de Lousame indicou que “neses máis de 940.000 euros non están contempladas inversións como o Fondo de Compensación Ambiental ou o Plan de Camiños porque, cando se fixeron os orzamentos, aínda non saíran as convocatorias. Aínda así, as inversión representan o 24,75% do orzamento e esta cantidade será moito maior”.

Sobre o turismo, Villaverde explicou que “estamos dándolle a importancia ao turismo como sector con implicacións económicas e que a nosa poboación debe ver como un nicho de mercado para aproveitar porque, se non o fan eles, farano outros de fóra do concello”.

Sobre a recollida do lixo, a alcaldesa de Lousame recoñeceu a existencia do acordo para revisar os prezos do servizo, pero que “é un incumprimento que asumimos para non ter que subirlle a taxa do lixo á veciñanza”. Neste sentido, lembrou que o Concello tamén decidiu rebaixar os tipos catastrais e aplicar unha bonificación do 95% do IBI ás explotacións agrarias e gandeiras de Lousame para compensar a revisión Catastral. Porén, Villaverde si que anunciou que “este anos faremos unha revisión vivenda por vivenda para comprobar se hai alguén que non estea pagando pola recollida do lixo”.

Moción IVE

Na quenda de mocións, a presentada polo BNG quedou adiada ao pleno seguinte diante da ausencia do seu poñente e o PP presentou unha segunda por razóns de urxencia para reclamar a débeda do IVE que o Estado ten con Galicia, cifrada en 370 millóns de euros. Unha proposta que foi aprobada cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, lembrou que “eses 370 millóns son cartos dos galegos que o Estado se nega a transferir” e que “estes recursos son necesarios para os servizos públicos”, polo que amosou o apoio do Concello de Lousame á reclamación da Xunta de Galicia para ingresar esas contías. Pola súa banda, o PSOE xustificou a súa abstención en que “o problema causouno Montoro en 2017. O PSOE intentou arranxalo nos orzamentos de 2019, pero foron rexeitados”, ao tempo que demandou o apoio dos populares para aprobación dos Orzamentos de 2020 e o cambio do sistema de financiación autonómica.

Comentarios