Denuncian a morte dun home mentres agardaba nas Urxencias do CHUS

Denuncian a morte dun home mentres agardaba nas Urxencias do CHUS
Denuncian a morte dun home mentres agardaba nas Urxencias do CHUS

Un paciente faleceu o pasado xoves no servizo de urxencias do Complexo hospitalario de Santiago de Compostela mentres agardaba para ser atendido, informou este martes o sindicato de médicos O'Mega

O sindicato de médicos O´Mega vén de denunciar a morte dun home o pasado xoves, mentres agardaba nas Urxencias do Hospital Clínico de Santiago. Segundo precisa, o doente pasou a triaxe e foi "estacionado nun corredor" á espera "de ser atendido por un médico, xa que todos estaban ocupados con outras urxencias". O´Mega engade que este tipo de situacións son habituais.

O paciente estivo en espera "algo máis dunha hora, que non é tempo excesivo", indica Omega, pero observa que o lugar en que foi instalado estaba "fóra do control directo do persoal sanitario".  Apunta que "non é infrecuente o falecemento dun paciente nun servizo de urxencias" dun hospital, ao que xeralmente acoden persoas en "situacións de risco vital".

O'Mega advirte de que "o problema xorde cando esa morte se produce nunha contorna que atenta coa dignidade da persoa e dos seus achegados, aos que se lles deixa na dúbida de se puido facerse algo máis". O sindicato de profesionais de medicina considera que "o persoal sanitario, especialmente médico, actuou con dilixencia e non é punible".

Pola súa banda, dende a xerencia do centro hospitalaria lamentan o falecemento do doente. Afirman  que tivo a primeira atención sanitaria "en menos de dez minutos" da súa chegada a Urxencias. Nesa primeira valoración foi clasificado como prioridade non grave. Estando á espera de ser ubicado en box para unha segunda exploración, a súa saúde deteriorouse e "foi inmediatamente ingresado na zona de Críticos", onde se produciu a morte.

Comentarios