Novos obradoiro para mulleres do rural

Novos obradoiro para mulleres do rural
Novos obradoiro para mulleres do rural

"Desveladas" é o título do novo ciclo de obradoiros para mulleres do rural, que dá continuidade ao exitoso programa de igualdade que dende o 2016 se vén desenvolvendo nos centros socioculturais das parroquias de Compostela. Os talleres realizaranse o longo dos meses de febreiro, marzo e abril en Lavacolla, Figueiras, Laraño, Marantes, Busto, Aríns, Marrozos, A Barciela, Cesar e Lamascal. Estas tres últimas parroquias incorpóranse nesta edición.

A concelleira de Igualdade, Noa Díaz, presentou esta semana estes obradoiros para mulleres no rural, acompañada da encargada de impartilos, Cruz Dafonte, e da técnica responsable dos centros socioculturais do rural, María Pose. Tal como explicou, Desveladas é un programa de obradoiros deseñado para a transformación persoal e colectiva das mulleres do rural.

"A través do traballo corporal, do diálogo e de diferentes linguaxes artísticas (música, audiovisual, teatro), as participantes expresaranse, reflexionarán e visibilizarán algúns aspectos das opresións de xénero que impiden vivir en liberdade", explicou. Cada sesión formativa converterase nun espazo propio para desvelar, analizar e transformar de forma creativa e grupal as realidades interiores destas mulleres, reconstruír situacións que se poden observar, vivir ou imaxinar, e reflexionar sobre elas ofrecendo ferramentas para o cambio dende unha perspectiva feminista.

Cruz Dafonte destacou, dende a emoción, a satisfacción que lle producía constatar a evolución destas mulleres que veñen participando nos obradoiros, manifestada por elas mesmas. Ademais, salientou que os talleres están servindo para tecer redes entre as mulleres da mesma parroquia, pero tamén con mulleres das outras parroquias.

Dos obradoiros, unha parte está destinado a aquelas mulleres que xa participaron en anteriores edicións e outro a aquelas que se incorporan este ano. Hai 12 prazas dispoñibles por obradoiro. O calendario é o seguinte:

- Lavacolla: os luns 17 e 24 de febreiro e 2, 9 e 23 de marzo.
- Figueiras: os martes 11 e 18 de febreiro e 3, 10 e 24 de marzo.
- Laraño: os mércores 19 e 26 de febreiro e 4, 11 e 25 de marzo.
- Marantes: os xoves 20 e 27 de febreiro e 5, 12 e 26 de marzo.
- Busto: os venres 21 e 28 de febreiro e 6, 13 e 20 de marzo.
- Aríns: os sábado 22 e 29 de febreiro e 7, 14 e 21 de marzo.
- Marrozos: os martes 17 de marzo e 7, 14, 21 e 28 de abril.
- Barciela e Cesar: os mércores 18 de marzo e 1, 8, 15 e 22 de abril.
- Lamascal: os xoves 2, 16, 23 e 30 de abril e 7 de maio.

Os obradoiros, impartidos por Cruz Dafonte, están abertos á participación de mulleres de calquera idade e son de balde. O período de inscrición está aberto e as interesadas poden achegarse a un dos centros socioculturais nos que se imparten ou formalizar a inscrición a través do correo electrónico mposeo@santiagodecompostela.gal.

III Encontro de Mulleres do Rural

O ciclo de obradoiros rematará co III Encontro de Mulleres do Rural, no que estarán todas as participantes e ao que tamén convidará ás participantes das pasadas edicións. Será o 27 de marzo en Figueiras. 

Comentarios