O Concello de Ames organiza unha ampla programación para a conmemoración do mes de Rosalía de Castro

O Concello de Ames organiza unha ampla programación para a conmemoración do mes de Rosalía de Castro
O Concello de Ames organiza unha ampla programación para a conmemoración do mes de Rosalía de Castro

Os departamentos de Normalización Lingüística, Turismo e Bibliotecas do Concello de Ames unen forzas nunha programación repleta de actividades para a conmemoración do mes de Rosalía de Castro. Ademais, como en outras edicións, cóntase coa colaboración dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de todos os centros de ensino públicos do Concello de Ames, de diferentes asociacións, do ámbito socioeconómico, do ámbito cultural e doutros concellos como Brión, Padrón e Santiago. 

A programación sobre a figura de Rosalía de Castro ten como obxectivo difundir a obra e pensamento rosaliano como xeito de recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos. Asemade, pretende resaltar e por en valor o vínculo do Concello de Ames coa figura rosaliana e, tamén, promover comercio e a hostalaría amesá ao tempo que se socializa entre a veciñanza a obra e afigura de Rosalía.

Fiestras de Rosalía

A primeira das actividades, Fiestras de Rosalía, desenvolverase durante todo o mes de febreiro. Esta iniciativa, posta en marcha polos Equipos de Dinamización Lingüística dos centros de ensino de educación infantil e primaria, levará a imaxe e os versos da autora aos escaparates de Bertamiráns e do Milladoiro co fin de socializar a figura de Rosalía entre a veciñanza amesá. A obra de Rosalía estará presente nas rúas do Concello como un atractivo máis do noso comercio de proximidade, para achegar así a cidadanía á súa poesía, ao seu pensamento, á súa mensaxe de rebeldía...

O alumnado dos centros de ensino escolmará textos de Rosalía para plasmalos e ilustrados nos soportes facilitados polo Concello de Ames. Os rapaces e rapazas do Agro do Muíño, da Maía e de Barouta, repartirán as fiestras de Rosalía polos escaparates de Bertamiráns. A rapazada do EEI do Milladoiro e do colexio de Ventín encargaranse de levar as fiestras aos escaparates do Milladoiro.

Viaxando con Rosalía

Coma cada ano, o Servizo de Normalización Lingüística de Ames organiza a excursión literaria á casa-museo de Rosalía de Castro, guiada pola experta rosaliana María López Sández. Será o sábado, 15 de febreiro, con saídas desde O Milladoiro ás 10:00 h e desde Bertamiráns (Pazo da Peregrina) ás 10:15 h.

Nesta viaxe, ademais da casa-museo, visitaranse outros lugares vinculados á vida e á obra de Rosalía de Castro. Ao longo do percorrido, a profesora María López achegaranos á figura de Rosalía de Castro con notas da súa biografía, da súa obra, da súa traxectoria, do seu pensamento e da súa vixencia na actualidade.

Para inscribirse nesta actividade cómpre enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar por teléfono ao 662 377 215 e indicar o nome e apelidos das persoas asistentes, idade, teléfono de contacto e o lugar de saída (Bertamiráns ás 10:00 h ou O Milladoiro ás 10:15 h ). O número de prazas dispoñibles é de 60 e outorgaranse por orde de inscrición.

A excursión ten un custo de 1,50 € (prezo da entrada á casa-museo).

Gala homenaxe a Rosalía de Castro coa actuación musical de MJ Pérez

Xa a finais de febreiro, concretamente o venres día 28 de ás 20.00 horas, celebrarase a Gala de Rosalía de Castro no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta gala é un acto participativo no que poderemos gozar de dramatizacións, poesía, proxeccións audiovisuais, humor e música, que nos achegarán ás diferentes facetas de Rosalía.

No acto estarán representados todos os centros escolares de Ames, asociacións, persoas procedentes doutros países, persoas vinculadas ao ámbito da cultura etc.

Como artista convidada estará MJ Pérez, unha das novas voces do panorama actual da música galega, que en febreiro de 2019 fixo viral o seu tema Malaxente, unha particular versión do poema Castellanos de Castilla premiada na última edición dos premios Youtubeir@s.

A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.

Caldo de Gloria e Café con Verso

Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía o Concello de Ames, xunto cos municipios de Brión, Padrón e Santiago, e coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, organiza a actividade denominada Caldo de Gloria. Esta iniciativa organízase dende a Concellaría de Turismo.

Deste xeito, convídase aos establecementos do sector hostaleiro de Ames a que durante os días 21, 22, 23 e 24 de febreiro sirvan cuncas de caldo de tapa, tanto durante as comidas como pola tarde nas ceas. Asemade, dentro desta iniciativa, o venres 21 servirase caldo galego na Rede municipal de comedores escolares.

Ao igual que no caso anterior a Concellaría de Turismo organiza Café con Verso. Por cuarto ano consecutivo, desenvolverase  esta iniciativa que xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre as Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica e Turismo e mailo poeta amesán Carlos Negro. Así, entre o 21 e o 24 de febreiro os cafés que se sirvan nos locais hostaleiros deste concello acompañaranse dunhas tarxetas con versos escolmados por Carlos Negro.

Un xardín poético nas bibliotecas municipais de Ames

E xa para rematar, o departamento de Bibliotecas do concello súmase ao mes de Rosalía. En ambas as dúas bibliotecas municipais construirase un xardín poético para festexar o Día de Rosalía. Todas aquelas persoas que queiran participar poderán pasar polas bibliotecas para colocar a súa flor ata o próximo 26 de febreiro.

Ademais, o xoves 27 de febreiro ás 20.00 horas está programado un coloquio na Biblioteca do Milladoiro, no que participarán Dolores Vilavedra e Daniel Asorey. O tema a tratar é a vixencia da obra e a persoa de Rosalía de Castro na actualidade. 

Comentarios
Lo más