Continúan os controis de vehículos pesados na N-550 ao seu paso polo Milladoiro

Continúan os controis de vehículos pesados na N-550 ao seu paso polo Milladoiro
Continúan os controis de vehículos pesados na N-550 ao seu paso polo Milladoiro

A Policía Local de Ames, en colaboración coa Garda Civil do Milladoiro, continúa realizando  controis de seguimento da restrición de paso dos vehículos pesados, con MMA maior a 30 toneladas, pola N-550 ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro.

Ditos controis, que se retomaron a comezos do paso mes de decembro, estanse realizando co obxectivo de lembrarlle aos condutores que deben de respectar a prohibición de circular polo núcleo urbano e deben desviarse dende a SC-20 (á altura da gasolineira) cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Durante as últimas semanas houbo varias denuncias de condutores que infrinxiron a norma.

A Policía Local de Ames e maila Garda Civil do Milladoiro continúan cos controis de vehículos pesados na N-550 ao seu paso polo Milladoiro. Cómpre lembrar que dende o pasado 12 de decembro de 2018 os vehículos pesados teñen prohibido circular pola avenida de Rosalía de Castro. Posteriormente, en febreiro de 2019 colocáronse na AG-56 e no corredor AC-522 as sinais que proporcionan información sobre a ruta alternativa de circulación para non atravesar O Milladoiro. Dende ese momento a Garda Civil de Tráfico realizou diversos controis para velar polo cumprimento de dita normativa.

Os vehículos pesados teñen que desviarse dende a SC-20 (á altura da gasolineira) cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Os únicos camións que poden circular pola avenida de Rosalía de Castro son os que se dirixan ao parque empresarial do Milladoiro e aos concesionarios situados no lugar de Reborido (zona sur do Milladoiro).

O cumprimento da normativa sobre a prohibición de circular pola avenida de Rosalía de Castro está sendo elevada, pero aínda así, é preciso seguir realizando controis para disuadir aos condutores de vehículos pesados de que circulen pola avenida de Rosalía de Castro e que circulen polas rutas alternativas. Estes controis estanse realizando ao mesmo tempo que a Policía Local desenvolve outro tipo de campañas, postas en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico, e nas que colabora o corpo de seguridade amesán.

Do 10 ao 16 de febreiro: campaña de control dos vehículos de transporte de mercancías

Ao longo desta semana a Policía Local colabora na campaña de vixilancia do transporte escolar, a través da cal se controlará aos autobuses dedicados ao transporte escolar co obxectivo de previr accidentes neste tipo de transporte. A vindeira semana, do 10 ao 16 de febreiro, vaise a realizar unha campaña específica de control de vehículos pesados, utilizados para o transporte de mercancías e vehículos destinados ao transporte de mercancías perigosas. Deste xeito, está previsto que os controis de dita campaña se realicen en diferentes vías do concello, pero fundamentalmente na avenida de Rosalía de castro. 

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “dende comezos do pasado mes de decembro retomáronse os controis da restrición de paso dos vehículos pesados, con MMA maior a 30 toneladas, pola N-550 ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Durante as últimas semanas houbo varias denuncias de condutores que infrinxiron a norma, polo que isto evidencia que é necesario reforzar os controis para garantir que se cumpra a norma ao 100%”. Ademais, Beatriz Martínez indica que para a próxima semana “coincidindo coa campaña da DGT de control de vehículos de transportes de mercancía, vanse a reforzar os controis no Milladoiro”.

Medición dos camións que circulan pola avenida de Rosalía de Castro

Ata este mes de febreiro aínda hai camións que teñen un permiso concedido pola Xefatura de Tráfico para circular pola avenida de Rosalía de Castro, pero a partir deste mes os permisos terán que ser autorizados polo concello competente e aboar as taxas correspondentes á tramitación de dita autorización. Dende o momento que caduquen ditos permisos realizarase unha medición dos camións que circulan pola avenida de Rosalía de Castro. Deste xeito, medirase a frecuencia coa que pasan, a súa tara, e outro tipo de datos, que se recollerán nun informe.

Comentarios
Lo más