En que concello se fala o galego máis normativo? Un estudo da USC responde

En que concello se fala o galego máis normativo? Un estudo da USC responde
En que concello se fala o galego máis normativo? Un estudo da USC responde

Un estudo do Instituto da Lingua Galega da USC racha co mito de que a variedade estándar do galego é inventada

A localidade onde se fala unha variante do galego máis parecida ao estándar é o concello de A Lama (Pontevedra), cun 82,09% de semellanza. Pola contra, as maiores diferencias atopáronse na localidade leonesa de Pombriego, na que a variedade falada só se asemella nun 34,29% ao galego normativo. Así o amosa un estudo que vén de publicar Xulio Sousa, do departamento de Filoloxía Galega e membro do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC, na revista Languages, e que ten como propósito mostrar como a variedade estándar contén as formas empregadas nas distintas variedades do galego dos anos 70.

Tendo en conta os tres bloques lingüísticos nos que tradicionalmente se divide a xeografía galega para estudar as variacións na lingua, os resultados desta investigación amosan que as localidades cuxo galego é máis semellante á variedade estándar están nas zonas onde conflúen os bloques central e occidental, aínda que tamén se atopan concellos con alto grao de parecido na provincia de Lugo. Así, as variedades que máis se afastan son as do bloque oriental e, en especial, as que están fóra dos límites administrativos de Galicia. O autor sinala o “maior peso demográfico e de produción literaria do bloque occidental” para xustificar este fenómeno.

Os resultados do estudo tamén rachan coa crenza popular de que o galego normativo é unha variedade inventada, afastada da realidade dos galegofalantes, dado que as porcentaxes de semellanza entre as variantes do galego e o estándar son moi elevadas. “O parecido promedio é de 74.75%, a mediana sitúase en 76.52% e a moda (o dato máis repetido) é dun 84.76% de semellanza”, sinala Sousa.

Para achegar estas conclusións, a investigación realiza unha análise dialectométrica, que combina técnicas estatísticas, computacionais e xeográficas, para estudar as variantes do idioma en 167 localidades de Galicia, Asturias, León e Zamora de fala galega. Con este fin leva a cabo a análise dun total de 324 fenómenos morfosintácticos, tales como a formación de plurais e ditongos ou as conxugacións verbais, xa que estes presentan características máis xerais que os fonéticos ou léxicos, que son máis complexos en canto ao número de variantes por variable e á súa distribución territorial.

Os datos empregados proceden do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), elaborado polo ILG a partir de datos recollidos do galego falado en áreas rurais a finais dos anos 70 do século XX, cando aínda non existía unha variedade estándar desta lingua. “O ALGa foi unha das fontes fundamentais empregadas para a configuración das normas morfolóxicas do galego estándar”, subliña o autor.


Un panorama diferente

O caso do galego é particular dende o punto de vista dos estudos lingüísticos. “O recoñecemento do galego no panorama das linguas romances estivo determinado polo peso histórico e político dos idiomas oficiais máis próximos, o castelán e o portugués” explica Sousa. As variedades estándar destas linguas fixáronse a comezos da Idade Moderna, e o galego, por descoñecemento, “era considera polos estudosos unha variedade do portugués ou un dialecto do español”.

Porén, en ausencia dunha variedade estándar, o galego foi conservado polos falantes ao longo do tempo, sendo a lingua falada pola maioría da poboación, aínda que “nunha situación de desigualdade e de recoñecemento social fronte ao castelán, que era o idioma da administración, a educación e os medios de comunicación. O recoñecemento do galego como lingua cooficial non chegou ata 1981, dada a falta de apoio do goberno”, apunta Sousa.

A construción do estándar a partir do galego falado

Na maioría das linguas europeas, cuxo estándar leva séculos asentado, é habitual o estudo da influencia da normativa sobre os dialectos e como os modifica. “Por exemplo, en Francia, Portugal ou Dinamarca o uso social do estándar levou á case desaparición dos dialectos, mentres que en Alemaña e Suíza os dialectos están máis arraigados”, sinala o autor. Pola contra, no caso do galego, é posible estudar, coma neste caso, a influencia do galego falado na construción da normativa, e como o estándar se achega ou afasta deste.

Este estudo conclúe que o galego normativo é unha variedade de tipo composicional que reúne elementos das distintas variedades, e que foi concibido coma símbolo de identificación e vehículo de comunicación e expresión común na escrita e rexistros de maior formalidade, e non para substituír ás variantes que permitiron conformalo .

O autor tamén apunta que hoxe “a maior parte da poboación galega sostén que entende e pode falar galego e castelán sen dificultade, mais as porcentaxes de uso diario das dúas linguas non son as mesmas, e mudaron bastante nas últimas décadas en detrimento do galego”. 

Comentarios