Alumnas e alumnos do CEP de Ventín visitaron a Casa do Concello

Alumnas e alumnos do CEP de Ventín visitaron a Casa do Concello
Alumnas e alumnos do CEP de Ventín visitaron a Casa do Concello

As rapazas e rapaces de catro grupos de cuarto de educación primaria do CEP de Ventín achegáronse ata a Casa do Concello para coñecer de preto o seu funcionamento

Durante a visita, o alumnado descubriu o traballo dos edís municipais, como transcorren os plenos ou as funcións que cumpre a Administración local. Ademais, trasladaron preguntas, inquedanzas, suxestións e peticións aos membros do goberno que os acompañaron durante a visita.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta semana a visita do alumnado de cuarto curso do CEP de Ventín. En dúas quendas, as rapazas e rapaces puideron coñecer da man de diferentes membros do goberno municipal cuestións como o funcionamento dos plenos, cales son os grupos políticos con representación na Corporación municipal, a distribución dos concelleiros/as en cada unha das cadeiras do salón de plenos... Trala explicación, tivo lugar un pleno escolar no que se realizou unha sesión de rogos e preguntas, durante a que os cativos/as puideron presentar as súas dúbidas e peticións.

Entre os temas sobre os que o alumnado se interesou atopáronse cuestións como melloras no seu colexio, a creación dun novo colexio no Milladoiro, a poboación do concello, a apertura do centro de saúde do Milladoiro, queixas sobre o tráfico e estacionamento de vehículos ou os plans para novas zonas de recreo no Milladoiro.

Así, os encargados de ofrecer respostas ás cuestións xurdidas foron o alcalde de Ames, Jose Miñones, o concelleiro de Educación, David Santomil, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, e maila concelleira de Cultura, Natividade González.

Ao finalizar, fíxoselle entrega ás/aos profesoras/es duns agasallos para recordar a súa visita á Casa do Concello. Estas excursións enmárcanse dentro da programación anual deste colexio, e buscan complementar a formación recibida nas aulas. Así, nas últimas semanas os escolares estiveron tratando nas aulas o funcionamento das entidades locais e o sistema de elección dos gobernos, así como o padrón e o censo municipal durante as clases de ciencias sociais.

Comentarios
Lo más