“Non nos merecemos isto” busca concienciar á veciñanza sobre a importancia do Punto Limpo

“Non nos merecemos isto” busca concienciar á veciñanza sobre a importancia do Punto Limpo
“Non nos merecemos isto” busca concienciar á veciñanza sobre a importancia do Punto Limpo

O Concello de Ames, a través das Concellaría de Servizos Básicos e Transición Ecolóxica, volve poñer en marcha unha campaña de sensibilización para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos (mobles e enseres) no Punto Limpo.

O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, o concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, e maila técnica municipal de medio ambiente, María Victoria Arufe, presentaron  no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a campaña “Non nos merecemos isto”. Trátase dunha campaña de sensibilización para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos (mobles e enseres) no Punto Limpo.

A través desta iniciativa editáronse 3.000 calendarios de mesa e 500 calendarios grandes de parede co lema de dita campaña e fotos de lixo e voluminosos depositados en fincas, camiños e outros lugares como o monte de Lapido; unha pista forestal entre Lapido e O Instrumento; urbanización Agro do Muíño; aparcadoiro do Carrefour, en Bertamiráns; rúa Panasqueira, no Milladoiro; urbanización Os Laranxos, Castiñeiro do Lobo; urbanización A Telleira, Bertamiráns; Castiñeiro do Lobo; lugar de Pedras; pista forestal que vai a Pegariños; estrada cara Trasmonte; estrada de Lapido; e acceso a Costoia.

Ditos calendarios tamén conteñen información do Punto Limpo, que está situado na rúa das Hedras do parque empresarial Novo Milladoiro. Ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

Este centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88. Os voluminosos deben depositarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositar o voluminoso xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a recollida de ditos enseres e voluminosos.

Os RAEE (aparatos eléctricos y electrónicos), que non son recollidos polo servizo de recollida de voluminosos, poden depositarse no Punto Limpo, pero débese saber que cando se merca un aparato eléctrico ou electrónico novo, a empresa que o vende ten a obrigación de recoller o aparato antigo. Dita obriga está establecida no título denominado “Responsabilidade ampliada do produtor do produto”, recollida na la Ley 22/2011, de 28 de xullo, de residuos e chans contaminados.

Sancións por depositar residuos de xeito incontrolado

As infraccións leves por depositar residuos de xeito incontrolado poden ser sancionadas con multas que poden chegan ata os 900 euros. Se o que se depositan son residuos perigosos as multas poden acadar ata os 9.000 euros. O Concello ten competencia en vixiar o vertido ou eliminación incontrolada dos residuos domésticos. Os graves e moi graves non son competencia municipal.

O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, explica que “é moi necesario seguir incidindo neste tipo de campañas para concienciar á veciñanza sobre o deposito incontrolado de voluminosos. Neste caso consideramos que é necesario darlle visibilidade  a este problema medio ambiental, por iso fixemos calendarios que están ilustrados con fotos de residuos e restos de voluminosos que foron depositados en lugares inadecuados. Este é un problema que afecta por igual á zona rural como ás localidades urbanas”.

Blas García tamén destaca que “vaise seguir publicando este tipo de campañas entre os rapaces e rapazas en idade escolar, porque parécenos que este problema pódese solucionar achegando información e educando aos nenos e nenas. Para elo repartiuse o calendario de mesa entre todos os escolares que cursan educación infantil e primaria. Os calendarios grandes vanse a repartir, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, a través das asociacións de empresarios e comerciantes, nos establecementos hostaleiros e comercias”.

Servizo de limpeza viaria

O concelleiro de Servizos Básico aproveitou esta presentación para adiantar que “o goberno municipal pretende durante este mes de febreiro comezar coa elaboración do prego do servizo de limpeza viaria, no cal tamén está incluído o servizo de Punto Limpo. Deste xeito, vaise intentar mellorar o servizo do Punto Limpo do Milladoiro e vaise incluír na licitación do novo contrato a posta en marcha dun Punto Limpo móbil, que se poida desprazar ás parroquias do rural, así como a outros puntos do municipio como pode ser o núcleo urbano de Bertamiráns, urbanizacións, etc. co obxectivo de facilitarlle á veciñanza a recollida dos residuos que non se depositan nos colectores convencionais”.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, Manuel Lens, incidiu no custo que lle ocasiona ao Concello de Ames a retirada dos voluminosos que se depositan en pistas, rúas e outros lugares do municipio. “O persoal da brigada de garda ambiental é o que se dedica á retirada de ditos voluminosos. Se están ocupados facendo este traballo non se poden dedicar a outras labores medio ambientais como poden ser o acondicionamento e mantemento das rutas ambientais que temos no noso concello. Por iso é moi importante que a veciñanza se conciencie do correcto deposito deste material”.

Comentarios