Rosalía Trío actúa hoxe no ciclo ‘Música na Fin do Camiño’

Rosalía Trío actúa hoxe no ciclo ‘Música na Fin do Camiño’
Rosalía Trío actúa hoxe no ciclo ‘Música na Fin do Camiño’

O Paraninfo da Universidade acolle esta iniciativa ás 20.30 horas

O ciclo ‘Música na Fin do Camiño’ trae ao Paraninfo da Universidade ao conxunto Rosalía Trío, integrado pola mezzosoprano María José Ladra, Juan Berná, a cargo do óboe e corno inglés e Margarita Viso ao piano. O concerto dará comezo ás 20.30 horas deste venres 7 de febreiro.

A actuación estará integrada por composicións de Juan Durán, Fernando Vázquez Arias, Margarita Viso, Marcial del Adalid, Xoán Montes, Pascual Veiga, José castro "Chané", Gustavo Freire, Francisco Piñeiro, Xabier Comesaña, Pedro Pérez Berná e Juan Berná sobre textos de Rosalía de Castro, Xosé M. Cabada Vázquez, Afonso X, Pierre Ronsard, Antonio Rey Soto, Francisco Mª de la Iglesia e Curros Enríquez.

O programa ‘Música na Fin do Camiño’ ten como obxectivo a promoción da música e poesía galegas, así como do potencial cultural de seu que ten Galicia. O Camiño estableceu estreitos vínculos entre Galicia e os territorios que atravesaba e, especialmente, con Francia. Por este motivo, o programa inclúe composicións de autores galegos en francés e cancións con texto en galego de compositores doutros lugares; estas obras reflicten a influencia cultural que Galicia exercía e exerce como fin do Camiño. “A música, arte inmaterial, é o vehículo idóneo para traer cantigas en linguas foráneas e levar con orgullo o espírito de Galicia por todo o mundo”, apuntan dende a Área de Cultura da USC.

O programa Música na Fin do Camiño dá a coñecer obras consagradas cunha nova sonoridade e obras de recente creación, algunhas delas premiadas en certames e outras debidas ao compositor galego Juan Durán, Premio Reina Sofía de Composición 2018. O programa Música na Fin do Camiño dá a coñecer a peregrinos e visitantes, un repertorio de gran calidade e proximidade pero non moi coñecido no ámbito popular. A entrada ao concerto é de balde.

Comentarios