O Goberno local espera aprobar os orzamentos este mes

O Goberno local espera aprobar os orzamentos este mes
O Goberno local espera aprobar os orzamentos este mes

O Goberno local de Santiago de Compostela mantén o seu obxectivo de poder aprobalos ao longo deste mes de febreiro e destaca que as conversacións con Compostela Aberta, o grupo preferente co que buscan chegar a un acordo para sacar as contas adiantes, van por bo camiño e as negociacións continúan "avanzando". 

Así o trasladou o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Gumersindo Guinarte, preguntado este venres en rolda de prensa, na que valorou a aprobación esta semana dos orzamentos de Incolsa "sen ningún voto en contra", coa maioría absoluta que requiren os estatutos da sociedade.

Aínda faltaría a aprobación das contas do Auditorio de Galicia e do Refuxio de Animais, pero Guinarte destacou que o Executivo local segue "avanzando" co obxectivo de tentar sacar adiante os orzamentos durante este mes. O propio alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xa avanzara que a aprobación inicial dos orzamentos municipais levará ao pleno do 27 de febreiro, "con acordo ou sen acordo" con algún dos grupos.

A intención, no entanto, é chegar a un acordo co grupo municipal de Compostela Aberta, con quen están "a avanzar na negociación" sobre un documento de traballo que recolle propostas concretas, para ver "cales delas poden ser incorporadas ao proxecto de orzamentos sen alterar a súa esencia", engadiu Guinarte.

"Constatamos que hai moitas coincidencias de partida, moitos elementos en política social, en investimentos... que xa están no noso proxecto de orzamentos e aparecen propostas de integración por parte de Compostela Aberta, e iso fai fácil, ou máis fácil, avanzar nesa negociación".

Todo iso non impedirá, matizou, a incorporación de achegas por parte do resto de grupos que integran a corporación municipal e que teñan encaixe no proxecto orzamentario. 

Comentarios