O Concello de Ames adquire un novo radar láser

O Concello de Ames adquire un novo radar láser
O Concello de Ames adquire un novo radar láser

O dispositivo móbil controlará os excesos de velocidade da N-550 ao seu paso por Milladoiro

Trátase dun dispositivo de última xeración que permitirá medir a velocidade en tempo real dos vehículos a través dun sistema wifi que conecta o equipo cunha táblet para coñecer os datos de forma inmediata e que contribuirá a mellorar a seguridade viaria ao dotar de máis recursos técnicos á Policía Local.

Este dispositivo, coñecido como TruCAM, é un radar capaz de rexistrar o exceso de velocidade de calquera tipo de vehículo e en calquera dirección. Tecnicamente, trátase dun equipo máis compacto que os actuais. Posúe unha unidade de medición de velocidade láser, cámara fotográfica, batería e pantalla dixital táctil. Está homologado para poder utilizalo con trípode ou en soporte fixo, para medición estática, e tamén no interior dun vehículo.

A adquisición deste dispositivo é o primeiro no Concello de Ames e faise necesario despois dos diversos controis realizados nestes anos gracias ao convenio de colaboración coa DXT e á detección de numerosas infraccións de velocidade. Este dispositivo permitirá mellorar a seguridade viaria en todo o municipio, aínda que inicialmente centrarase nas zonas urbanas máis sensibles, como as zonas escolares, deportivas ou vías e espazos de velocidade máis reducida nas que se ten detectado un alto índice de vehículos que circulan con exceso de velocidade.

Segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico, o 20% dos accidentes que se producen débense ao exceso de velocidade, estando a velocidade presente en 1 de cada 5 accidentes con vítimas. A proporción de accidentes mortais é un 60% superior cando existe exceso de velocidade. Ao mesmo tempo, procederase a sinalizar debidamente as zonas do Concello sometidas a control de velocidade.

O motivo da adquisición é aumentar os recursos propios e propiciar que a Policía Local poida planificar dunha maneira máis fiable o programa de controis de velocidade e con elo contribuír a incrementar as actuacións dirixidas a mellorar a seguridade viaria en todo o termo municipal.

Humanización da avenida de Rosalía de Castro

O Concello segue traballando na humanización da Avenida de Rosalía de Castro (N-550) complementando o control de velocidade na zona urbana de cara a reducir os excesos que se teñen detectado nesta avenida que nalgún caso chegou aos 120km/h no tramo urbano.

Neste senso, cómpre destacar a significativa labor desenvolvida neste eido pola Policía Local ao longo do 2019 en coordinación ca Xefatura Provincial de Tráfico e co seguinte resultado: na campaña de vixilancia e control de alcohol e outras drogas realizáronse un total de 356 probas; na campaña de vixilancia e control de furgonetas fixéronse un total de 80 probas; e na campaña de vixilancia e control das condicións de seguridade en vehículos leváronse a cabo un total de 230 probas.

Ao mesmo tempo, durante o ano 2019, realizáronse 14 dilixencias de atestados ao xulgado por delitos contra a seguridade viaria, tales como alcoholemias ou condución sen permiso, entre outras.

O concelleiro de Seguridade, Víctor Fernández, avanza que “ao longo deste ano 2020 o Concello vai facer un esforzo extra na vixilancia da seguridade coa adquisición dun etilómetro que permita levar a cabo controis de alcohol que complementen ao radar adquirido”.

Comentarios