Feijóo pide ao Goberno central que permita convocar "a maior oferta pública de emprego da historia do Sergas"

Feijóo pide ao Goberno central que permita convocar "a maior oferta pública de emprego da historia do Sergas"
Feijóo pide ao Goberno central que permita convocar "a maior oferta pública de emprego da historia do Sergas"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao Goberno central que permita convocar a Galicia neste ano 2020 "a maior oferta pública de emprego (OPE) da historia do Sergas".

"Desde o ano 2012 ata 2019 incorporáronse 6.000 persoas ao Sergas a través das distintas ofertas públicas de emprego e no ano 2020 queremos facer unha macro oferta pública de emprego", dixo, antes de lembrar que, para iso, é "imprescindible" que o Goberno central permita a Galicia "convocar todas as prazas vacantes que ten o Sergas e non o limite coa taxa de reposición".

O presidente galego, quen participou nun acto en Porto do Son, avanzou que a Xunta fará "todo o posible" para que o Goberno central, o Ministerio de Sanidade e o Ministerio de Administracións Públicas "entendan as necesidades" da sanidade pública galega.

Manifestouno tras ser preguntado pola manifestación en defensa da sanidade pública que se celebrará o vindeiro domingo en Santiago. "Queremos seguir defendendo a sanidade pública e todos os cidadáns teñen dereito a explicitar como queren seguir defendendo a sanidade pública", manifestou, a este respecto.

"Nós seguiremos defendendo a sanidade pública facendo hospitais, facendo centros de saúde, cambiando a tecnoloxía sanitaria e baixando as listas de espera. Aumentamos en case 4.000 persoas o persoal no últimos dez anos", dixo, para engadir que a Xunta quere agora "seguir aumentando o persoal".

Neste sentido, insistiu en pedir que o Goberno deixe sen efecto a taxa de reposición e non impida á Xunta "contratar a máis xente con carácter estable". "Sería moi sorprendente que os que se manifestan porque queren mellorar a sanidade pública nos impidan que traballe máis xente", resolveu.

Comentarios