Este sábado hai unha andaina saudable pola Ruta do Reguiño

Este sábado hai unha andaina saudable pola Ruta do Reguiño
Este sábado hai unha andaina saudable pola Ruta do Reguiño

O departamento de Sanidade do Concello de Ames colabora co departamento de Medio Ambiente nunha nova andaina saudable pola Ruta do Reguiño. Terá lugar o sábado 15 de febreiro, con saída ás 10.30 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro. Hai servizo de autobuses dende Bertamiráns ás 10.00 horas na Praza do Concello. A actividade, que é de balde, require inscrición previa enviando un correo electrónico a sanidade@concellodeames.gal ou chamando ao número 649 450 264. 

A Ruta do Reguiño terá como punto de partida a Casa da Cultura do Milladoiro. Posteriormente, pasarase polas aldeas de Tarrío, Casanova e  Raíces , enlazando co Camiño Portugués para rematar de novo na Casa da Cultura. Unha ruta na que se alternaran os camiños encadrados en espazos verdes con pequenos lugares con encanto como son as aldeas de Tarrío, Casanova e Raíces. En total, percorreranse 12,5 quilómetros, cunha dificultade media-alta.

Ao remate da andaina, ás 13.30 horas o Concello servirá un almorzo saudable deseñado pola nutricionista municipal, ás 13.30 horas, para promover a alimentación sudable ao tempo que se desfruta desta pequena saída. En canto ao regreso, tamén se contará cun servizo de autobuses ás 14.00 horas a Bertamiráns.

A inscrición previa pode formalizarse enviando un correo a sanidade@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 649 450 264. O prazo para facelo remata ás 14 horas do día 13 de febreiro.

Programa SaúdeAndo
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa SaúdeAndo, a través do cal tamén se organizaron as andainas polo Rego da Anduriña, Ruta do Tambre, Camiño Portugués e senda verde Milladoiro - Bertamiráns, así como as rutas urbanas con saída e chegada dende os centros de saúde de Bertamiráns e O Milladoiro que se desenvolven de marzo a decembro. O obxectivo desta actividade é animar ás e aos amesás de todas as idades a practicar actividade física de forma amena e divertida.

Así, estas andainas extraordinarias pretenden converterse nunha alternativa novidosa dentro do programa SaúdeAndo, que ten como obxectivo a promoción de hábitos saudables como son o exercico físico, redución do sedentarismo e alimentación saudable entre os e as amesás de todas as idades. Asemade, con este formato de andainas, celebrado en fin de semana, búscase ofrecerlle unha alternativa a aquelas persoas que, por cuestión de tempo ou horarios, non poden acudir ás andainas saudables programadas os xoves en Bertamiráns e Milladoiro.

Comentarios