A Policía local controlará esta semana camións e autobuses

A Policía local controlará esta semana camións e autobuses
A Policía local controlará esta semana camións e autobuses

A Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha esta semana (do 10 ao 16 de febreiro) nunha nova campaña de controis, desta vez de camións e autobuses

Os/as axentes da Policía Local tamén se suman a esta campaña e controlarán autobuses e todo tipo de camións, independentemente do país no que estean matriculados, incidindo na vixilancia e control en aspectos tales como a velocidade á que circulan, as horas de condución e descanso, o tacógrafo, o exceso de peso, os defectos técnicos do vehículo, a seguridade da carga transportada, a documentación do vehículo e do condutor, o uso do cinto de seguridade por parte do condutor e dos ocupantes, a condución baixo os efectos do alcohol ou as drogas, a utilización do teléfono móbil, etc.

Tal como indican dende a DXT, a condución destes vehículos non é igual que a dun turismo; o comportamento dinámico é diferente, sobre todo se vai cargado. En particular, a suxeición da carga é vital, xa que calquera desprazamento da mesma incide sobre a estabilidade do vehículo por desprazamento do centro de gravidade. Entre este tipo de vehículos é máis alta a incidencia de saídas da vía e envorcos que poden explicarse pola excesiva ou mala colocación da carga.

Malia que o 68% do parque de vehículos en España son turismos, o transporte de mercadorías (camións e furgonetas) ten un peso importante no que a seguridade viaria se refire, xa que representa o segundo tipo de vehículos máis numeroso que circula polas estradas (14% do total do parque) e están implicados no 17% dos accidentes con vítimas acontecidos no ano 2018.

O parque de autobuses representa arredor do 1% do total do parque automobilístico, estando implicados no 2% dos accidentes con vítimas. Este dato, unido a un maior índice de letalidade no caso de accidentes con vehículos de mercadorías de más de 3.500 quilogramos, leva á Dirección Xeral de Tráfico a por en marcha esta campaña de vixilancia.

Controis de alcoholemia e drogas

Ademais, a Policía Local comunica que a vindeira fin de semana se volverá a realizar controis preventivos de alcohol e drogas nas rúas de Compostela. 

Comentarios