Convocado o segundo ‘Obradoiro de novela Cidade da Cultura’

Convocado o segundo ‘Obradoiro de novela Cidade da Cultura’
Convocado o segundo ‘Obradoiro de novela Cidade da Cultura’

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia presentou esta semana o segundo Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, tras o éxito alcanzado pola primeira edición celebrada en 2019, na que se esgotaron as prazas en menos de cinco días. 

Deste xeito, dáselle continuidade a unha actividade que procura potenciar e desenvolver o talento de novos valores na narrativa galega. Para iso, os e as participantes no curso aprenderán da man de escritores e escritoras galegos de éxito e contarán de novo co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que lles brindará a súa experiencia no mundo da edición e mesmo lles servirá de ponte cara ao profesionalismo para aqueles cun desempeño sobresaínte.

Na rolda de prensa na Cidade da Cultura para anunciar esta segunda edición, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, valorou a boa acollida que tivo a primeira convocatoria ‒que se celebrou fai agora un ano‒ e que obrigou a activar unha listaxe de agarda, debido ao alto número de peticións tras cubrirse case de inmediato as prazas ofertadas. Un interese que, segundo argumentou, animou á Fundación Cidade da Cultura a repetir a colaboración coa Rolling Words “nun eido tan relevante para o sector cultural galego como é o da literatura”.

 “Queremos incidir en accións que tiren partido da potencialidade de Galicia para exportar autores e autoras emerxentes, xerando unha comunidade dinámica onde os referentes compartan o seu coñecemento cos talentos aínda por descubrir”, explicou.

Na rolda de prensa ‒que contou coa participación da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez‒ interviñeron a directora de Rolling Words, Lourdes Díaz, e o director do obradoiro, Javier Peña, que é tamén escritor e xornalista e estará entre os mestres e mestras que o impartan, ao igual que fixo na pasada edición.

Precisamente, ambos os dous gabaron o talento e o potencial das e dos participantes da primeira edición. No entanto, Lourdes Díaz advertiu da “dificultade actual” coa que se atopa a xente que escribe, non para editar, senón para “destacar entre a maraña de publicacións”. Por este motivo, considerou necesarias formacións especializadas, como a que ofrece este obradoiro para “axudar a dar o salto ao profesionalismo”.

Nesta mesma liña se pronunciou Javier Peña, quen lembrou que, a diferenza doutras comunidades como Madrid, Aragón, Valencia ou Cataluña, en Galicia existe “un certo baleiro” en escolas de escritura creativa, “especialmente naquelas dirixidas a persoas adultas”, matizou, ao tempo que aclarou que as iniciativas neste campo “adoitan ser puntuais e impulsadas por asociacións, pequenas editoriais e librerías”.

Ante esta descrición do panorama actual, o director xeral de Políticas Culturais remarcou que o Obradoiro de Novela Cidade da Cultura de Galicia aspira a encher este oco. Deste xeito, o curso está deseñado non só para que os participantes aprendan a manexar os recursos da escrita, senón tamén a moverse no sector. Accederán así a contactos profesionais de calidade e, no caso de demostrar un talento literario sobresaínte, poderán tamén ingresar na nómina de autores e autoras representados por Rolling Words.

Nove clases presenciais para aprender da man de quen escribe

Autores cunha traxectoria recoñecida tanto dentro como fóra de Galicia forman parte do profesorado do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que se desenvolverá entre o 6 de marzo e o 27 de xuño na Biblioteca e Arquivo de Galicia do Gaiás con nove clases presenciais.

Ademais de Javier Peña ‒que acaba de publicar en Blackie Books a novela Infelices‒ tamén imparten o curso Antón Riveiro Coello ‒o último Premio Torrente Ballester‒ e Miguel Anxo Fernández, Xabier Quiroga, Arantza Portabales, Manuel Gago e Diego Giráldez.  A experiencia desde o mundo da edición virá da man de Lourdes Díaz e do consultor editorial Siscu Pérez. Todos eles serán os encargados de fornecer os aspirantes a novelistas das ferramentas e recursos necesarios para levar adiante os seus propios proxectos literarios.

Ao longo de nove sesións formativas, os escritores e escritoras compartirán os seus coñecementos sobre o estilo, os xéneros narrativos, a creación de personaxes ou a estrutura e tempos da novela. O obradoiro contará tamén con especialistas do mundo editorial, que ofrecerán as claves para afondar no mercado literario.

Microrrelato sobre o Camiño de Santiago

As e os participantes levarán a cabo distintos exercicios como a elaboración dun microrrelato sobre o Camiño de Santiago, xa que esta segunda edición forma parte da programación do Xacobeo 2021.


A fase práctica iniciarase o 22 de maio, unha vez finalizadas estas clases formativas. A partir desta data, solicitaráselles que escriban as primeiras 40 páxinas dunha novela, na que amosen os coñecementos aprendidos durante o curso. A corrección do traballo farase de forma individual nunha última clase, o 26 de xuño, antes de pechar a actividade cunha cerimonia de clausura e entrega de diplomas o 27 de xuño.

Nesta segunda edición, o Obradoiro de Novela Cidade da Cultura cóntase de novo cun total de 20 prazas, que serán asignadas por orde de matrícula. As inscricións xa están abertas a través de www.ataquilla.com.

Comentarios