A Casa do Cabido acolle a exposición colectiva "Des_facendo o xénero (a través da arte)"

A Casa do Cabido acolle a exposición colectiva "Des_facendo o xénero (a través da arte)"
A Casa do Cabido acolle a exposición colectiva "Des_facendo o xénero (a través da arte)"

A Casa do Cabido acolle a exposición Des_facendo o xénero (a través da arte). É unha mostra colectiva e interdisciplinar, artellada sobre a idea das identidades de xénero como construción social e sobre os mecanismos que pode aportar a creación artística para romper con elas. 

Esta mostra é unha iniciativa coordinada pola comisaria da exposición, Begoña Álvarez Seijo, membro do grupo de investigación Iacobus da Universidade de Santiago de Compostela; Ana Castro, directora de Galantiqua Arte y Antigüedades; e María Eiras, directora de Mareiras Espacio de Arte; en colaboración co Consorcio de Santiago. Esta mañá inaugurábaa o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo. Ao acto asistiron, ademais dalgúns dos/das artistas e das promotoras do proxecto, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o responsable de Exposicións do organismo interadministrativo, Juan Conde.

Artistas e escritoras compostelás ou comprometidas coa cidade
A través da obra de artistas e escritoras compostelás ou que desenvolven a súa actividade na cidade de Santiago, preténdese visibilizar como mediante a produción artística se pode tratar de repensar os construtos de xénero cultural e socialmente impostos: modos de comportamento, roles sociais, actitudes que axudan a asentar unhas determinadas identidades binarias (home/muller, heterosexual/homosexual, normal/diferente…), que -segundo as promotoras desta proposta- "non son máis que o resultado dun proceso educativo que conduce a asumir como naturais e inherentes a un mesmo uns patróns estéticos e de comportamento concretos".

Nesta exposición amósase a obra plástica (pintura, debuxo, escultura, fotografía…) de dez artistas: Óscar Aldonza, Xoana Almar, Thomas Apostolou, Belén Chorén, María Eiras, Carlota de Leal, Pablo Martínez, Monica Mura, João Pires e Neves Seara. E os textos literarios de tres escritoras: Alicia Díaz, Silvana Lameiro e Patricia Meira. A través deste percorrido preténdese facer un chamamento á reflexión sobre a necesidade de romper socioculturalmente co proceso de construción das identidades sociais normativas.

A arte como chave para abrir as gaiolas que constrúen o xénero
"Todas as persoas son diferentes. Visibilizando a diversidade, a arte pode converterse nunha das chaves que abra as gaiolas que constrúe o xénero", explicou a comisaria. "Des_facendo o xénero (a través da arte) é unha exposición feminista, unha exposición de arte comprometida que, como manifestación cultural, debe transmitir á sociedade a necesidade de divorciarse das desigualdades, na procura dun futuro máis libre e xusto", resaltan as promotoras do proxecto.

Así, a mostra emerxe coma un intento particular dun grupo de persoas que queren aportar a súa arte para que esa revolución social poida acontecer e teña á produción artística como ferramenta ao seu servizo. "Unha exposición que, dende o amor ás diferenzas, non deixará indiferente a ninguén", aseguran.

Na súa intervención, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, salientou que se trata dunha "mostra ecléctica que reúne diferentes tipos de manifestacións plásticas e literarias que dialogan moi ben entre si, creando un discurso moi cohesionado". Pola súa parte, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, manifestou que "esta exposición é unha porta que se abre ao futuro. Hoxe configúrase un novo espazo no que cada un é como quere ser e como se quere expresar. Esa é a normalidade e a sociedade ten que ser capaz de respectar a diferenza, de cara a lograr un mundo máis libre e mellor para todos".

Horarios da exposición
A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns, a Casa do Cabido está pechada ao público. 
Comentarios