O Consorcio licita o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos da cidade histórica

O Consorcio licita o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos da cidade histórica
O Consorcio licita o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos da cidade histórica

O Consorcio de Santiago acaba de licitar o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica para os vindeiros doces meses por un importe global de 187.095 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 9 de marzo para presentar as súas propostas.

A pedra que pisas é un programa de mantemento do espazo público na cidade histórica impulsado polo Consorcio de Santiago dende o ano 2007. Oriéntase ao establecemento dunha dinámica estable de posta en valor, conservación e reparación dos máis de 60.000 metros cadrados de lousados de granito do casco histórico compostelán. Diferentes equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas, baixo a planificación da Oficina Técnica do Consorcio.

O obxecto prioritario deste servizo é garantir a seguridade dos peóns e dos cidadáns que se moven a pé pola cidade histórica. Con este propósito, un equipo de canteiros dedícase en exclusiva a reparar de maneira inmediata calquera situación de risco para os viandantes. "Dáse a circunstancia de que son os vehículos, en particular os camións de reparto de mercadorías e outros servizos, os que están a provocar os danos de xeito recorrente sobre as mesmas áreas", manifestan os técnicos do Consorcio.

Os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto á deterioración do empedrado ao enderezo apedraquepisas@consorciodesantiago.org. Os técnicos do Consorcio valoran cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de solucionar o dano.

Este programa busca ademais garantir a mellor conservación dos lousados, tendo en conta que "o pavimento da cidade histórica é unha auténtica fachada horizontal de pedra pola que non só camiñan os cidadáns, senón que tamén discorren as augas cara aos sumidoiros e, por debaixo da cal, se atopan as infraestruturas indispensables para garantir a habitabilidade, a produtividade e a competitividade da cidade", salientan os técnicos. 

Comentarios
Lo más