Ames, Teo, Brión, Oroso e Negreira solicitan información sobre a licitación do transporte metropolitano

Ames, Teo, Brión, Oroso e Negreira solicitan información sobre a licitación do transporte metropolitano
Ames, Teo, Brión, Oroso e Negreira solicitan información sobre a licitación do transporte metropolitano

O Concellos de Ames, Teo, Brión, Oroso e Negreira solicitan unha xuntanza urxente coa Dirección Xeral de Mobilidade para coñecer os detalles do procedemento de licitación das novas liñas do transporte metropolitano da área de Compostela

Estando a piques de rematar o proceso de presentación de ofertas, e coa información publicada, estes cinco Concellos solicitan coñecer o detalle das liñas ofertadas, así como as alegacións presentadas ao anteproxecto, tanto as aceptadas como as rexeitadas, e a motivación técnica das mesmas. Considerase fundamental concertar unha xuntanza para coñecer toda a información relevante dun servizo tan importante como é o do transporte metropolitano nestes concellos.

O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Mobilidade de Teo, Iría Otero, o alcalde de Brión, José Luís García, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o alcalde de de Negreira, Manuel Ángel Leis, acaban de remitirlle unha carta ao director xeral da  Dirección Xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro Saavedra, solicitándolle unha xuntanza urxente de cara a coñecer os detalles do procedemento da licitación do servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas.

O proceso de licitación das novas liñas de transporte metropolitano da área de Santiago de Compostela está aberto para presentación de ofertas dende o pasado 15 de xaneiro ata o 21 de febreiro. Dito procedemento púxose en marcha sen terse practicada notificación algunha aos Concellos afectados, e coas notificacións das resolucións das alegacións con posterioridade.

Estes cinco Concellos da área de Compostela demandan maior información por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, especialmente no referente ás alegacións presentadas das que os Concellos non teñen coñecemento algún.

Os Concellos informan que a publicación dos anteproxectos de explotación para a información pública tivo lugar a finais do mes de xullo cun prazo de alegacións que coincidía en pleno mes de agosto con moitos dos técnicos das Administracións en período de vacacións, o que propiciou que moitos deles non puidesen presentar alegacións.

Reunión previa á publicación dos anteproxectos

Ademais, os concellos recordan que na xuntanza da Comisión de seguimento do mes de marzo de 2019 a Delegación de Mobilidade comprometeuse a reunirse cos Concellos previamente á publicación dos anteproxectos, tal e como quedou recollida na acta, sen que ditas reunións tivesen lugar con estes cinco Concellos

Todos os Concellos reiteran a necesidade da posta en funcionamento deste agardado servizo, que se esperaba que estivese en marcha para finais de 2019 e que agora se atopa máis preto co proceso de presentación de ofertas.

Estando o procedemento de licitación a piques de rematar, os Concellos solicitan coñecer o detalle das liñas ofertadas así como as alegacións presentadas, tanto as aceptadas como as rexeitadas, e a motivación técnica das mesmas. Para elo todos os Concellos solicitan unha xuntanza urxente coa Dirección Xeral de Mobilidade na que poder coñecer de primeira man toda a información sobre o contido dos pregos.

Comentarios