Noia repartirá máis de 8.000 euros en premios no XXXVI Concurso-Desfile “Rally París –Dakar”

Noia repartirá máis de 8.000 euros en premios no XXXVI Concurso-Desfile “Rally París –Dakar”
Noia repartirá máis de 8.000 euros en premios no XXXVI Concurso-Desfile “Rally París –Dakar”

Beatriz Rodeiro e Mariola López presentaron unha programación que terá lugar do 21 ao 28 de febreiro e que presenta novidades como a festa “Eu fun a EXB-BUP” no casco histórico o 21 de febreiro

O Concello de Noia repartirá máis de 10.000 euros en premios nos seus dous concursos de Entroido: 8.300 euros no XXXVI Concurso-Desfile “Rally París-Dakar”, que terá lugar o venres 28 de febreiro, e 1.860 euros no Concurso Infantil de Disfraces, que terá lugar o luns 24 de febreiro. Dous concursos para os que xa está aberta a inscrición na sede electrónica do Concello, persoalmente no primeiro andar da casa consistorial ou chamando ao 981 84 21 00 (ext 2031), en horario de 9:00 a 13:00 horas. En ambos casos, o prazo de inscrición pecharase ás 13:00 horas do mesmo día dos concursos.

Estes dous concursos forman parte dunha ampla programación de Entroido, que se desenvolverá entre o venres 21 e o venres 28 de febreiro, e que esta mañá foi presentada polas concelleiras de Eventos, Beatriz Rosende, e Comercio, Mariola López. Beatriz Rodeiro destacou que a programación dará comezo o venres 21 de febreiro, venres de Entroido, cunha das novidades deste ano: a festa “Eu fun a EXB-BUP” polas rúas do casco histórico. Coincidindo co recibimento da sardiña na Praza de Abastos, ás 19:00 horas terá lugar unha festa con animación musical polas rúas do casco histórico noiés “para revivir esa época das nosas vidas con disfraces que lembren eses tempos da nosa xuventude”, explicou a concelleira. E o sábado de Entroido, a charanga “Licor K” encargarase de animar as rúas da vila a partir das 20:00 horas.

Concurso infantil

O Luns de Entroido, 24 de febreiro, o pavillón Agustín Mourís acollerá a partir das 18:00 horas o Concurso Infantil de Disfraces, onde se repartirán 1.860 euros en premios. Un festival presentado por Pedro Brandariz e no que haberá agasallos para todos os nenos e nenas que acudan disfrazados. Haberá tres categorías a concurso: individual, parellas e grupos. Todas as persoas participantes deberán ter 15 anos ou menos e as súas actuacións non poderán superar os 2:00 minutos, non estando permitido nin a participación de vehículos a motor nin animais vivos. Haberá catro premios por categoría: grupos infantís (350, 250, 150 e 100 euros), parellas infantís (300, 180, 110 e 60 euros) e individuais (160, 110, 60 e 30 euros).

O Martes de Entroido, 25 de febreiro, ás 19:00 horas terá lugar o tradicional Velorio da Sardiña na Praza de Abastos, que incluirá unha chocolatada ofrecida pola USPAN (Usuarios Praza de Abastos de Noia). Ás 20:00 horas, o grupo “Los Tristes” actuará na praza do Curro. Mariola López agradeceu especialmente “a colaboración da Praza de Abastos en todo o relacionado coa Sardiña, entre o 21 e o 25 de febreiro, así como esa chocolatada que ofrecerá a USPAN para todas as persoas que se acheguen a desfrutar do Entroido en Noia”.

O Mércores de Cinza, 26 de febreiro, ás 20:30 horas terá lugar o Enterro da Sardiña, con saída dende a Praza do Tapal. Un evento que estará acompañado pola charanga “Licor k” e que contará coa participación das “Choronas da Rueirada”, de Muros.

París-Dakar

Finalmente, o Venres de Piñata, 28 de febreiro, a partir das 21:00 horas terá lugar o XXXVI Concurso-Desfile “Rally París-Dakar”. O desfile sairá da explanada de Labarta, percorrendo o paseo Antón Avilés de Taramancos e as rúas Francisco Romero Blanco, Calvario e Rosalía de Castro ata a Alameda de Noia. A música correrá a cargo da charanga “Solfamidas” e de Discoteca Chocolate.

“Este ano repartiremos máis de 8.000 euros en premios e animamos tanto aos veciños e veciñas de Noia como de concellos da contorna a participar connosco e pasar un bo momento”, explicou Beatriz Rosende, quen salientou que “este ano, para incentivar a participación da veciñanza de Noia, decidimos convocar dous premios especiais para disfraces de veciños e veciñas de Noia, de 300 euros cada un”.

O concurso incluirá 4 modalidades: individual (200 e 100 euros), parellas (300 e 200 euros), comparsas (500, 400, 300 e 200 euros) e grupos (2.000, 1.300, 900, 500 e 300 euros). A maiores haberá os mencionados premios para veciños e veciñas empadroados en Noia: 300 euros á simpatía e 300 euros ao humor e máis choqueiro. Así mesmo, haberá cinco mencións especiais de 100 euros cada unha.

Comentarios
Lo más