O Concello presenta as actividades coas que celebrará o ano de Carvalho Calero

O Concello presenta as actividades coas que celebrará o ano de Carvalho Calero
O Concello presenta as actividades coas que celebrará o ano de Carvalho Calero

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou este luns, na Cidade da Cultura, na presentación das actividades organizadas por distintos concellos con motivo do Ano de Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.

Mercedes Rosón sinalou que "desde o Concello de Santiago de Compostela xa vimos traballando desde hai meses en distintas accións e actividades para homenaxera e difundir o legado de Ricardo Carvalho Calero".

A concelleira lembrou que o pasado 26 de setembro o Pleno do Concello, nunha declaración institucional, acordou deseñar un programa completo e transversal sobre a figura do insigne galeguista, que amosase, durante todo este ano, e non só o Día das Letras Galegas, todas as facetas da súa obra literaria e lingüística, e a súa vinculación con Santiago. Rosón enumerou as distintas accións nas que o concello está traballando.

Desde a concellaría de Acción Cultural está previsto publicar, este mes, o libro "A derrota do Scórpio, un paseo por Santiago", por Ricardo Carvalho Calero, con fotografías inéditas de Moncho Rama. Tamén está programada a exposición "Ricardo Carvalho Calero: un autor e unha obra irrepetibles. Na súa propia voz". O título, de momento, é provisional. Poderase ver no Auditorio de Galicia, na Sala Isaac Díaz Pardo, do 19 de outubro o 20 de decembro de 2020. Aparte, estamos traballando, dixo, "no deseño de distintos roteiros pola Compostela" do profesor e insigne galeguista.

Desde a concellaría de Educación vaise elaborar unha guía didáctica sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero. Tamén hai programados, en distintos centros escolares, obradoiros de ilustracións sobre o autor e a súa vida en Compostela, que serán impartidos por Lela Produccións.

Por outra banda, a biblioteca José Saramago, na que están incluídas as aulas de lectura dos Centros Socioculturais de Fontiñas, de Santa Marta, de Vite, de Conxo e do Castiñeiriño, adica o mes de maio á figura de Carvalho Calero, cun programa específico por centro, que inclúe encontros dos clubs de lectura con algún membro do novo proxecto de Estudos Galegos para falar do autor. Isto realizarase a través da concellería de Centros Socioculturais.

Outra actividade destacada terá lugar o 16 de maio, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Está programada unha lectura continuada, entre as 10:00 h. e as 24:00 h. do libro "Scórpio" de Carvalho Calero. Todas as persoas participantes recibirán como agasallo una nova edición da obra. Está actividade está promovida por AGAL-Através Editora, e nela colaboran o Concello de Santiago, a USC e a Consellería de Cultura. Complementarase con pequenos espectáculos teatrais, proxeccións de vídeos, etc. Ademais das accións expostas, Mercedes Rosón engadiu que se está a traballar en máis proposta.

A concelleira rematou lembrando que Compostela foi a cidade na que viviu Carvalho Calero, e a cidade na que está a súa biblioteca e arquivo persoal, polo que "é de xustiza recoñecer a súa figura, investigala e difundir o seu legado entre as novas xeracións". 

Comentarios
Lo más