Novas viaxes e roteiros no marco dos programas "Imos de excursión" e "Entendendo a cidade"

Novas viaxes e roteiros no marco dos programas "Imos de excursión" e "Entendendo a cidade"
Novas viaxes e roteiros no marco dos programas "Imos de excursión" e "Entendendo a cidade"

O concelleiro de Barrios e Centros socioculturais, Javier Fernández, presentou en rolda de prensa as novas edicións do programa "Imos de excursión" e do programa de roteiros comentados "Entendendo a cidade". O primeiro ofrecerá seis viaxes entre os meses de marzo e outubro, mentres que o calendario de roteiros pola cidade inclúe nesta ocasión 18 percorridos en torno a nove temáticas diferentes.

Javier Fernández destacou o éxito de cada edición do programa Imos de Excusión. Así, lembrou, na edición de 2019 ofrecéronse 350 prazas, pero houbo 500 solicitudes, polo que en varias das viaxes se fixeron listas de agarda.

Este ano, o programa ofrecen seis saídas, nas que intenta conxugar nun ou dous días rutas que combinan as visitas ao patrimonio natural, arquitectónico e cultural. Nesta edición, ademais, como antesala do vindeiro Ano Xacobeo, a programación incidiu especialmente nas diferentes rutas de peregrinación a Compostela.
As excursións comezarán en marzo cunha visita denominada "Tíbet Luso", que achegará os/as participantes a lugares como Arcos de Valdevez, Lindoso ou Sistelo. Xa en abril, visitarase a Casa do Patrón, en Lalín, e a Illa de Gres, en Ponteledesma. En maio temos unha viaxe de dous días ao León románico, e en xuño un percorrido pola Mariña Lucense. En xullo haberá unha ruta en barco pola ría de Ferrol e xa para rematar, saltando xa ao mes de outubro, os/as viaxeiros/as irán á Festa do Marisco do Grove.

Para participar nestas excursións hai que realizar unha preinscrición nos centros cabeceira (Vite, Conxo, Fontiñas, O Ensanche, Santa Marta ou O Castiñeiriño) no prazo marcado para cada unha delas. A primeira excursión, a do "Tíbet Luso", abre a inscrición o 12 de marzo.

O prezo das excursións dun día é de o 30 euros, e a de dous días a León ten un prezo de 110 euros.

Roteiros comentados pola cidade
O programa de roteiros comentados Entendendo a cidade ponse en marcha por terceiro ano consecutivo, co obxectivo de dar a coñecer a historia de cidade, favorecendo ao mesmo tempo o encontro entre a veciñanza.

Nesta edición, de marzo a xuño, realizaranse 18 roteiros con nove temáticas diferentes. Cada ruta ten dúas edicións, para así facilitar que toda veciñanza poida participar. Os roteiros levan un suxestivo título e permitiranos descubrir dende a Compostela anterior ao descubrimento do Santo Sepulcro ata a cidade do século XIX, pasando tamén pola Compostela gótica e pola Compostela modernista.

Tamén haberá visitas a barrios singulares como San Pedro e Conxo, unha ruta polas comunidades monásticas de Compostela, outra polas murallas e portas da cidade e un percorrido para descubrir a importancia da auga en Compostela.

Os roteiros, de entre hora e media e dúas horas de duración, faranse os venres a partir das 17:00 horas e os sábados a partir das 11:00 horas. Para participar hai que inscribirse persoalmente ou por teléfono nos centros cabeceira. O prazo de inscrición arrincará este mércores ata cubrir as prazas. A participación é de balde. 

Comentarios
Lo más