As mulleres cobran dous euros menos por hora que os homes

As mulleres cobran dous euros menos por hora que os homes
As mulleres cobran dous euros menos por hora que os homes

Elas cobran unha media 12,63 euros por hora traballada, fronte aos 14,65 euros que perciben os homes.

As mulleres galegas cobran 12,63 euros por hora traballada, dous euros menos que os 14,65 euros que perciben os homes en Galicia. Esta é unha das conclusións que arroxa o estudo realizado por UXT sobre a discriminación laboral en Galicia, con base nos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) de 2017.

Así, á coñecida fenda salarial de 5.488 euros existente en Galicia, dun 22,6%, súmase que as traballadoras galegas están á cola en ganancia por hora traballada, só superadas por canarias e murcianas. De tal forma, as galegas cobran por hora case un euro e medio menos que a media das mulleres españolas (13,93 euros), mentres están máis de tres euros por baixo dos homes do país (16,10 euros). 

UGT chama a atención sobre a importancia dos datos de hora traballada, xa que aquí se elimina a desviación que xera a contratación a tempo parcial e temporal que afectan en maior medida ás mulleres, e aínda así obsérvase a "importante" fenda existente.

Aquí, a secretaria de Igualdade de UGT-Galicia, Monica Rodríguez, pon o foco sobre a "infravaloración" dos traballos feminizados. E é que mesmo en mesmos sectores como o industrial e fabril, empresas conserveiras e téxtiles teñen peores salarios que compañías químicas ou eólicas.

FENDA SALARIAL SUPERIOR Á DE 2010

A fenda salarial só baixou en 2017 en catro décimas, ata o 22,6%, en Galicia. Supón unha cifra máis elevada que o 21,8% de 2010. De tal forma, as galegas deixan de percibir 2.752 millóns de euros anuais.

Ademais, é superior á media española, do 21,9%. Os ingresos medios das galegas son de 18.833,53 euros, é dicir, 1.774,32 euros menos que os salarios das mulleres do Estado.

Así mesmo, cos complementos salariais a fenda elévase ata o 27,8%, dado que os homes ven máis beneficiados polos pagos extraordinarios.

Aínda que a fenda salarial se produce en todas as idades, o tramo máis afectado é o de mulleres entre 45 e 54 anos, onde alcanza o 24,3%.

Por sectores, os máis afectados pola desigualdade son as entidades financeiras e aseguradoras (máis do 28%), mentres a construción é onde é máis reducida (do 13,6%).

Con estes datos, UGT calcula que as mulleres en España traballarán "gratis" este ano a partir do 5 de novembro, xa que o resto de días son os equivalentes ao salario que os homes terán e elas non.

Esta estrutura salarial non igualitaria dá lugar a que as xubiladas galegas perciben unha pensión un 36,3% menor que os homes, mentres as prestacións por desemprego son uns 12,2% inferiores.

Por todo iso, a secretaria de Igualdade de UGT-Galicia, Monica Rodríguez, considera "urxente" lexislar para acabar con esta discriminación que sofren as mulleres nunha sociedade "patriarcal".

O sindicato demanda unha lei de igualdade salarial, dotar de medios suficientes a inspección, actuar no campo da negociación colectiva e seguir coa mellora do salario mínimo.

De cara ao 8 de marzo, o sindicato prepara mobilizacións, aínda que Rodríguez lamenta que "nada cambiou" a pesar das masivas manifestacións dos dous últimos anos.


Comentarios
Lo más