Celadores de toda Galicia manifestáronse en Santiago en defensa dos seus postos de traballo

Celadores de toda Galicia manifestáronse en Santiago en defensa dos seus postos de traballo
Celadores de toda Galicia manifestáronse en Santiago en defensa dos seus postos de traballo

Os celadores continúan coa súa campaña de protestas. Decenas de representantes deste colectivo manifestáronse polas rúas de Santiago de Compostela contra a reconversión das súas prazas en Atención Primaria e os Puntos de Atención Continuada, en defensa dos seus postos de traballo.

O colectivo marchou na capital galega de maneira unitaria, con representantes de todos os distritos galegos e aglutinados tras a Asociación de Celadores Galegos (ACeG). Os traballadores chegaron en diversos autobuses e reuníronse á entrada das instalacións da Xunta en San Caetano, a partir das 17.00 horas.

Alí, decenas de persoas iniciaron unha sonora protesta, con pitadas, cánticos e consigas tras unha pancarta na que se lía 'Loitamos polo noso traballo. Non á reconversión das prazas de celadores de AP e PACs. Non á privatización dos servizos sociais'.

Un dos membros do colectivo animou ao resto de asistentes á marcha, micrófono en man, e coreando diversos lemas como 'Celadores unidos, xamais serán vencidos' ou 'Feijóo, escoita, celadores en loita'.

A comitiva dirixiuse cara a San Lázaro nun ambiente festivo, e realizando diversas sentadas ao longo do traxecto, unha delas na rotonda do centro comercial das Cancelas. A protesta dirixiuse cara á sede do Sergas, onde fixeron lectura dun manifesto.

Ángel Bergueiro, un dos seus portavoces, advertiu á Xunta de que esta manifestación é un paso máis nunha campaña de mobilizacións que se repetirán cada mes ata que o Goberno galego sente a dialogar con eles.

"INXUSTIZA"

As protestas arrincaron antes do verán de 2019 e en outubro celebraron a primeira manifestación para instar á Xunta a negociar. "Hoxe seguimos con outra, e así todos os meses ata que consigamos que o Sergas fale connosco", asegurou.

"Estamos aquí todos os distritos de Galicia, un bo número de celadores, demandando que deixen de privatizar os servizos sanitarios", advertiu.

Os celadores denuncian a substitución das súas prazas en PACs e atención primaria por outra categoría que unicamente existe en Galicia e non no resto do Estado, ademais da falta de desenvolvemento da cualificación profesional do colectivo tanto polas autoridades galegas como polas estatais, que é "importante para o presente e futuro" da súa profesión.

Neste sentido, Bergueiro instou o Sergas a sentar a dialogar con eles e "explicar a situación real segundo a súa perspectiva", e advertiu do perigo de perder os seus postos de traballo por estas circunstancias.

"Mentres non o consigamos, non imos parar", insistiu, para destacar que se logrou "a unión de todos os celadores de Galicia" para "poder loitar contra esta inxustiza".

Comentarios