Sánchez Bugallo destaca a importancia Berenguel de Landoira na historia da Compostela medieval

Sánchez Bugallo destaca a importancia Berenguel de  Landoira na historia da Compostela medieval
Sánchez Bugallo destaca a importancia Berenguel de Landoira na historia da Compostela medieval

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na inauguración do “XI Congreso internacional de Estudos Xacobeos” adicada a Berenguel de Landoira, que foi arcebispo de Santiago entre 1320 e 1330. 

O rexedor destacou o legado deste relixioso dominico na historia da cidade: “el encargou copias do Códice Calixtinus, fortificou o Castelo da Rocha, e tamén preparou a fundación do mosteiro de Belvís. Por todo isto, e pola trascendencia que tivo o seu arcebispado na historia de Santiago, pensamos que é un acerto adicarlle estas xornadas á súa figura, históricamente unha das máis destacadas do periodo medieval”.

O Congreso Internacional de Estudos Xacobeos é un dos principais encontros científicos da cultura xacobea. Promovido polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, conta coa organización e patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo. Este congreso vense celebrando desde o ano 1993 cun carácter bienal. Nesta ocasión está adicado á importante figura do arcebispo compostelán Berenguel de Landoira, do que no 2018 cumpríronse 700 anos da súa chegada a Santiago de Compostela. Sánchez Bugallo lembrou parte da súa biografía. Nomeado polo Papa Xoán XXII para rematar coa revolta que mantiña a burguesía compostelá contra a igrexa, non decepcionou. En 1920 recuperou o poder, nun tráxico final da insurrección que remantou co asasinato de Alonso Suárez de Deza no castelo da Rocha. A partir de aí, acada un rápido restablecemento da posición eclesiástica en Compostela. Episodios como este, sinalou o alcalde, “dan conta da importancia que tiña aquel Santiago medieval, aquel Santiago das peregrinacións, para o Papa e para a igrexa”.

O XI Congreso Internacional de Estudos Xacobeos contará coa dirección científica de Adeline Rucquoi, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e doutora en historia pola Universidade da Sorbona (Paris IV) e Directora de Investigación emérita no C. N. R.S. (Centro Nacional de Investigacións Científicas, Francia). Nesta edición o congreso conta con vinte relatores. Investigadores de primeiro nivel, formado por veteranos representantes de institucións, cátedras e centros de estudo, aos que se unirán outros especialistas, que tamén presentarán as súas reflexións e achegas sobre aspectos significativos da figura do arcebispo Berenguel de Landoira, a Sede compostelá, a Orde dos predicadores, a arte e a cultura xacobea. A todos eles, o alcalde deulles a benvida e desexoulles unha feliz estancia en Santiago.

Ademais de Sánchez Bugallo, no acto inaugural estaba prevista a intervención de Cecilia Pereira, conselleira delegada da S.A. De Xestión do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021; Paulo Caucci von Saucken, presidente do Comité internacional de Expertos do Camiño de Santiago; Julian Barrio, Arcebispo de Santiago; e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo. 

Comentarios