O PP pide explicacións pola prórroga o contrato do Servizo de Axuda no Fogar

O PP pide explicacións pola prórroga o contrato do Servizo de Axuda no Fogar
O PP pide explicacións pola prórroga o contrato do Servizo de Axuda no Fogar


A vicevoceira Popular insistiu en que a responsable deste servizo ten que dar explicacións de por que non se seguiron as indicación dos técnicos que, no traspaso de poderes, incidían na urxente necesidade de licitar este servizo

A vicevoceira do Grupo Municipal Popular, María Castelao, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que anunciou que, no vindeiro Pleno ordinario, o seu Grupo solicitará a comparecencia da concelleira de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente e Parques e Xardíns en relación á recente prórroga do contrato do Servizo de Axuda no Fogar.

A vicevoceira Popular insistiu en que a responsable deste servizo ten que dar explicacións de por que non se seguiron as indicación dos técnicos que, no traspaso de poderes, incidían na urxente necesidade de licitar este servizo, toda vez, que o contrato actual xera distorsións. A realidade é que teñen pasado 8 meses desde que o Goberno de Sánchez Bugallo alcanzou a alcaldía e o único que sucedeu é que o contrato se prorrogou neste mesmo mes de febreiro.

María Castelao considera que é imprescindible saber que ten cambiado na prestación do servizo para que a concelleira lle prorrogue un servizo a dúas empresas, cando as actuais entidades xa tiñan declarado que non querían seguir ofrecendo estes servizos.

Para os Populares está claro que todas as críticas e promesas de mellorar este servizo por parte do Grupo de Goberno foi meramente electoral, que se continúa coas políticas e cos contratos do anterior Goberno de Compostela Aberta.

A Popular subliñou que “cremos que a concelleira lle ten que poñer luz a todas esta cuestión, xa que as súas decisións repercuten no benestar das persoas máis vulnerables e sensibles do noso Concello e ten que comparecer pola importancia deste servizo”.

Castelao incidiu en que “seguimos cunha política errática, de mala xestión ou nula, deixando pasar os contratos, criticábano antes e agora son eles quen o fan, sen ter en conta que o que se está a prorrogar non son contratos de mantemento, aquí falamos de persoas”.

Na súa intervención, María Castelao insistiu en que a nova licitación deste contrato era a única cuestión que aparecía en maiúsculas nese documento, “as técnicas seguen sendo as mesmas, polo que entendemos que para elas segue sendo igual de urxente, para a única que non parece selo entón é para a concelleira e a prórroga é aínda mais sorprendente xa que a propia concelleira ten advertido publicamente sobre as distorsións que supón esta fórmula de dous lotes para os usuarios do servizo”.

Por outra banda, Castelao pregúntase tamén se se ten acordado algo entre o actual Goberno local e as empresas prestadoras do servizo para que asuman esta prórroga de 10 meses e cales foron os motivos polos que o Goberno de Sánchez Bugallo tomou a decisión de deixar a persoas moi vulnerables nas mans de empresas que manifestaron o seu desexo de non seguir prestando o servizo.

Ademais, recordar que era esta concelleira a que hai un ano cuestionaba o xeito no que se estaba prestando o servizo, cuestión que non ten mudado, tal e como, recentemente, denunciaron as traballadoras.

Antecedentes

Este servizo inclúese no catálogo de servizos de atención á dependencia. Unha prestación que permite aos usuarios a realizar as actividades básicas da súa vida diaria, así como obter atencións de carácter doméstico, o que posibilita a permanencia nas súas casas daquelas persoas que así o desexen e evita a súa institucionalización.

O actual contrato en vigor adxudicouse no anterior mandato de Compostela Aberta, en xaneiro de 2018, cunha vixencia de dous anos, que veñen de cumprirse. O contrato adxudicouse en dous lotes: Santiago Oeste (Vite, Fontiñas, Porta do Camiño, Zona Monumental, Rural Norte, Rural Oeste, San Lourenzo) e Santiago Este (Conxo, Castiñeiriño, San Lázaro, Ensanche, Pontepedriña e Sar). 

Comentarios