Modificacións no tráfico por mor do Entroido

Modificacións no tráfico por mor do Entroido
Modificacións no tráfico por mor do Entroido

A Concellaría de Mobilidade e Seguridade Cidadá do Concello de Santiago de Compostela informa que, con motivo da celebración do desfile do ENTROIDO, este 25 de febreiro queda prohibido o estacionamento de vehículos nas rúas polas que se desenvolverá o devandito desfile dende as 8:00 horas ata o remate.

Ademais, produciranse cortes intermitentes de tráfico nas mesmas rúas, polo que se recomenda na medida do posible evitar circular pola zona do Ensanche na tarde deste martes de Entroido e seguir as indicacións da Policía Local e dos paneis informativos de tráfico.

A concentración das carrozas comezará a partir das 16:30 horas na avenida de Ferrol. Unha vez efectuada a descarga, os vehículos desprazaranse á rúa do Marqués de Sargadelos, onde terán espazo reservado.

O desfile comezará ás 17:30 horas e continuará polas seguintes rúas: avenida de Ferrol, Romero Donallo, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Neste último punto, as comparsas xirarán cara á Alameda e as carrozas continuarán cara á rúa de Rosalía de Castro e avenida da Coruña ata a rúa Marqués de Sargadelos (zona próxima ao estanque).

Recoméndase aos condutores e condutoras que eviten a avenida de Ferrol e a rúa de Romero Donallo, pois estarán cortadas ao tráfico ata a saída das carrozas e comparsas. Os vehículos que se despracen en dirección norte-sur poden evitar o centro da cidade circulando pola avenida de Lugo (SC-20) e interior do túnel do Hórreo.

Transporte urbano
Con motivo dos cortes intermitentes nas diferentes rúas polas que pasará o desfile, as liñas de transporte urbano terán restricións temporais na circulación. Os autobuses agardarán o paso desfile, seguindo en todo caso as indicacións da Policía Local.

A avenida de Ferrol estará cortada ao tráfico dende as 16:30 ata as 17:30 horas, ao realizarse alí a concentración das carrozas, polo que as liñas 5 e C4, neste horario, non realizarán as paradas da avenida de Ferrol, desviándose dende a rotonda de Conxo ata a rotonda de Galuresa e Romero Donallo e retomando o traxecto na primeira parada da rúa da República Arxentina. A partir das 17:30 h, os buses volverán circular pola avenida de Ferrol, se ben poden ter que agardar o paso do desfile na zona do Ensanche. 
Comentarios
Lo más