Compostela lembrou a Rosalía no 183 aniversario do seu nacemento

Compostela lembrou a Rosalía no 183 aniversario do seu nacemento
Compostela lembrou a Rosalía no 183 aniversario do seu nacemento

Un 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. Para conmemorar o 183 aniversario dese nacemento estase a celebrar un ano máis o Día de Rosalía. No marco desta efeméride, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou este luns nos actos organizados pola Fundación Rosalía de Castro.

Os actos comezaron cunha alborada, a cargo dos Carapaus, na praza de Vigo, moi preto do lugar onde nacera a escritora. Tras depositar unha coroa de laureis ao pé da estatua que lembra a poetisa, a comitiva dirixiuse á Alameda, onde se realizou unha ofrenda floral. Logo, no Hostal dos Reis Católicos, celebrouse un acto institucional, con intervencións e coa lectura de textos rosalianos. Sabela King & Benjamín Vázquez puxeron a música nun acto que se pechou con outra alborada e coa degustación do caldo de gloria.

Na súa intervención, Mercedes Rosón definiu a Rosalía como a "galega máis universal". "Nun século onde tanto as mulleres coma o galego estaban silenciados –dixo- Rosalía de Castro deulle voz ao noso idioma e deulle voz ás nosas mulleres. E esa voz en forma de versos revalorizouse co tempo e traspasou fronteiras para converterse nunha voz universal".

A concelleira reivindicou o legado de Rosalía, porque "183 anos despois do seu nacemento, os seus poemas e os seus textos están más vivos que nunca. Son e seguirán sendo parte da nosa historia, e de da historia da literatura". 
Comentarios
Lo más