Medio milleiro de persoas gozaron do ‘Baile de entroido’ no Gaiás

Medio milleiro de persoas gozaron do ‘Baile de entroido’ no Gaiás
Medio milleiro de persoas gozaron do ‘Baile de entroido’ no Gaiás

Con temática animal, a Cidade da Cultura ofreceu unha alternativa diferente ao Entroido tradicional

O Baile de Entroido do Gaiás esgotou todas as entradas e medio milleiro de persoas gozaron na Cidade da Cultura do Baile de Entroido de temática animal, amenizado coa música da picadiscos infantil Marifaltri e co coñecido espectáculo-musical A nena e o grilo, de Magín Blanco e A Banda da Apertas. 

Este Entroido Animal transformou o Museo Centro Gaiás nun auténtico zoolóxico con cefalópodos,  mamíferos ou anfibios, xa que a temática de disfraces de abano animal é ampla para acadar unha divertida tarde de festa familiar.

O baile, dirixido a públicos de todas as idades, comezou ás 17,00 horas cunha sesión de música típica destas datas de Carnaval a cargo da DJ Marifaltri, á que lle segue o espectáculo-teatral con música ao vivo de Magín Blanco e A Banda das Apertas, onde grandes e pequenos bailan e cantan os coñecidos temas do músico ourensán, como Peixiños do mar ou Rock&Roll do dragón.

Con esta actividade, a Cidade da Cultura ofrece unha alternativa ao Entroido tradicional, protagonista nestas datas en moitas vilas e cidades de Galicia.

Magín Blanco e A Banda das Apertas

Magín Blanco ten un amplo repertorio de cancións pensadas para a cativada, que transmiten valores e emocións e que teñen como obxecto divertir, mais sempre contribuíndo ao desenvolvemento emocional dos máis pequenos e pequenas.

Todos os seus temas están compostos por el mesmo e tamén os interpreta na voz principal co acompañamento da súa inseparable guitarra. O músico da comarca de Valdeorras transforma as súas composicións en todo un espectáculo teatral, grazas a unha posta en escena moi coidada e aos músicos profesionais que o arroupan, o que garante gozar non só dun repertorio musical divertido, senón tamén de calidade.  

Comentarios