O II Trail e Andaina Ribeiras do Tambre que se celebrou este domingo contou cun total de 380 participantes

O II Trail e Andaina Ribeiras do Tambre que se celebrou este domingo contou cun total de 380 participantes
O II Trail e Andaina Ribeiras do Tambre que se celebrou este domingo contou cun total de 380 participantes

Este pasado domingo, 23 de febreiro, celebrouse a segunda edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre. Unha proba na que participaron un total de 380 participantes, dos cales 252 o fixeron no trail e 128 na andaina, acadando un gran éxito de participación

A proba está encadrada na especialidade atlética do trail-running e pertence ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, polo que contou co control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación. Este evento contou coa colaboración do Real Aeroclub de Santiago, Gonzacar, Pazo de Anzuxao, Tropic e Frutas Compostela.

O departamento de Deportes do Concello de Ames organizou, xunto coa federación Galega de Atletismo, este pasado domingo, 23 de febreiro, a segunda edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre. O evento comezou ás 10.00 horas, coa saída do trail dende A Ponte Maceira. Cunha distancia de aproximadamente 15,23 quilómetros, a meta estivo instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións da Ameixenda. Minutos despois, ás 10.05 horas, procedeuse á saída da andaina, coa mesma saída e mesma meta, e cunha distancia de 14,23 quilómetros.

Na categoría masculina, o primeiro home en chegar á liña de meta foi Amador Pena Torreira, do club Sociedad Deportiva Compostela Atletismo, cun tempo de 01:13:36. Este foi seguido a poucos segundos de Ruben Insua Díaz, do Club Atletismo Sar Vermu Petroni, con 01:13:43. En terceira posición chegou, Sergio Requeijo Requeijo, do Azervañan, cun tempo de 01:14:02. Na categoría feminina a primeira clasificada foi Paula Esteiro Ramos cun tempo de 01:37:59. Na segunda posición quedou Eva De la Fuente Iglesias, do Club Atletismo O Pino, cun tempo de 01:39:32. A terceira muller en chegar á liña de meta foi Martina Tasende Andrade, tamén do Club Atletismo O pino, cun tempo de 01:43:04.

En canto á proba da andaina, o primeiro home en chegar á liña de meta foi José Luís Rial Otero cun tempo de 02:14:46. A segunda posición logrouna Javier Ramos Grille cun tempo de 02:28:38, e a terceira posición foi para José Luís Insua Suarez, cun tempo de 02:29:06. A primeira muller en chegar á liña de meta foi Rosana Llilart Guibert cun tempo de 02:31:49; a segunda foi Patricia Tato Rivas cun tempo de 02:42:11; e  a terceira foi Paty Rosende Ares cun tempo de 02:42:42.

Na proba de Trail, os tres mellores equipos foron o Club Atletismo Cambados- Seguros Noval; o club Running Arteixo e mailo Tribu Trail. En cuarta posición quedou o Club Atletismo O Pino e quinto foi a Sociedade Deportiva Compostela Atletismo.

En canto aos premios, foron galardoados aos 3 primeiros/as clasificados/as de cada categoría establecida no regulamento, premio aos 3 primeiros/as participantes empadroados no Concello de Ames e premio aos/as 3 primeiros/as socios/as do Real Aeroclub de Santiago e aos 3 primeiros clubs da clasificación do trail. Ademais, houbo un agasallo técnico para todos os participantes, tanto do trail como da andaina e premios especiais para os 5 primeiros equipos clasificados.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceu “o traballo da Policía Local, da Agrupación de Protección Civil de Ames, da Federación Galega de Atletismo, así como a todos os colaboradores do evento. Grazas tamén ao Real Aeroclub de Santiago por deixarnos as súas instalacións para a entrega de premios”. Ademais, Susana Señorís destacou que “preto de 400 persoas participaron nesta segunda edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha ruta marcada pola beleza do entorno polo que transcorre. Agardamos que esta proba se vaia afianzando dentro do calendario de trails galegos e que se poidan organizar moitas edicións máis”.



Comentarios
Lo más